Teatro das Cortes de Cabanas

O XURADO da Asociación Cultural Son d’aldea acordou concederlle por unanimidade, na súa XV edición, o Premio Son d’aldea ao Teatro das Cortes. Este proxecto foi creado e dirixido polo profesor, actor e dinamizador cultural Pepe Penabade, quen foi quen de transformar un antigo cortello familiar de vacas nun espazo escénico e cultural no rural galego: Xestoso de Cabanas (O Vicedo). O ano pasado (2025) ese mesmo premio concedéuselle ao Museo do Pobo Galego.  

O  proxecto cultural —impulsado por Penabade a través da Asociación Cultural Volta e Dálle— leva varios anos funcionando oficialmente a prol da lingua e da cultura galegas en xeral con distintos eventos de teatro, concertos, exposicións etc. Con motivo da celebración do merecido premio, o pasado mes de agosto (29/08/2026) presentouse no Teatro das Cortes a performace teatral «Oráculo», a nova aposta do artista multidisciplinar Wences Lamas, autor do libro Hemos venido a darlo todo, da editorial Ofegabous libros de artista; un libro incapaz de deixar indiferente a ninguén —tan inclasificable como transgresor— que camiña entre o humor negro e o místico, no que se mestura todo: o cómic cos relatos curtos, a poesía coas profecías, os chamáns coas historietas mesiánicas e pornográficas, a pintura coa sensibilidade estètica.

As actividades no Teatro das Cortes comezaron cun agradable diálogo entre Penabade (o creador e impulsor) e a xornalista Nazaret López, que acabou en coloquio ao incorporarse Wences Lamas; falaron do divino e do humano, dos seus comezos no mundo da cultura e da historia da motocicleta que decoraba o escenario, que pertenceu ao político galego Xosé Manuel Beiras, quen lla cedeu ao promotor do Teatro das Cortes como patrimonio cultural e símbolo das vangardas galegas. Tras o coloquio, proxectaron dous vídeos: o primeiro sobre a infancia de Wenceslao Lamas López pola praia de Covas (Viveiro) e por Lugo; e o segundo  sobre a idea de Deus. Antes da interpretación de Wences, houbo un descanso con comida e bebida no bar.  O recinto conta con aparcadoiro e baños…

Oráculo é unha performance de carácter ritual, mística e participativa —diferente en cada representación— na que o público escribe un desexo ou unha pregunta anónima, que mete nunha urna; o chamán (Wences) tratará de contestar ou sanear por sorteo, botando fóra os demoños  de quen fixo a pregunta ou de calquera outra persoa que queira representala. Utiliza o simbolismo e o xogo como ferramentas máxicas de transformación para limpar a mente de pensamentos negativos ou, todo o contrario, para reducir o estrés. Nesta ocasión utilizou os ovos Kinder como cartas de Tarot.

O lugar da representación —Xestoso de Cabanas— é precioso por dentro e por fóra, esa Galicia rural de leiras, árbores e corredoiras que invitan á tranquilidade e á reflexión, situado  a nove quilómetros de Viveiro pola estrada de río Barba a Cabanas, unha estrada terceiromundista sen sinalizar nin iluminar, chea de curvas, contracurvas e fochancas polas que apenas cabe un coche; hai tramos que parecen un camiño de carros. Fomos de día. Regresamos de noite. Menos mal que tiñamos unha condutora extraordinaria, Marta Michelena, e unha copiloto ídem, Beatriz Barcia, que, móbil en man, indicáballe á condutora por onde tiña que tirar. Non quero nin imaxinar ter que pasar esa estrada con néboa ou chuvia. Non me estraña iso da Galicia baleirada! Deberían investir máis en todas as estradas do rural galego se non queremos ver as aldeas abandonadas. Con todo o teatro estaba abarrotado de xente. Parabéns…

Fotos: Beatriz Barcia, Marta Michelena e Fina Roca.

O lugar do Xestoso, na aldea de Cabanas. Fotos: Fina Roca

 

Presentación: Diálogo entre Nazaret López e Pepe Penabade (Foto,FinaRoca)

Coloquio entre Wences, Nazaret e Pepe (Fina Roca)

Fina Roca e Pepe Penabade

Pedro Michelena e Pepe Penabade coa foto dun ilustre galeguista

Interior e exterior del Teatro coas mulleres do rural moi interesadas polo espectáculo. Fotos: Beatriz Barcia.  Bar ao fondo e decorado. A motocicleta no escenario.

        Na foto de Marta Michelena se aprecia moi ben o cortello das vacas por fóra

Deixa unha resposta