Beatriz Barcia presenta na Fundación Gonzalo Torrente Ballester o Poemario Lóstregos de Orballo

 

May be an image of sink e indoors

A entrañable presentación da profesora, actriz e pintora  Beatriz Barcia:

Benvidos todos e todas, antes que nada queremos agradecer a Antonio Gil, responsable do centro de investigación e director do arquivo desta Fundación Gonzalo Torrente Ballester, así como á súa presidenta Fernanda Torrente, por permitirnos estar hoxe aquí presentando o poemario “Lóstregos de orballo” de Fina Roca. Grazas, tamén, a Marta Michelena por axudarnos a atopar o lugar axeitado para este acto. Estamos, moi agradecidas.

Antes de presentar a autora do libro, eu quería dicirlle  que encántame o título “Lóstregos de orballo”,  eu penso que escolliches, dúas das palabras máis fermosas da lingua galega: Lóstregos e orballo.

E agora, para os que non coñecedes a Fina Roca, vou presentala:

Fina Roca naceu en Ferrol (e iso marca). Terra de grandes escritores e escritoras, pensadores e pensadoras, como Gonzalo Torrente Ballester. Concepción Arenal, Ricardo Carballo Calero, Wenceslao Fernández Flores, etc. Só falo dos bos, claro!

– Licenciada en Filosofía e Letras (Xeografía e Historia) pola Universidade de   Santiago de Compostela (e isto tamén marca)…

– Foi profesora de Lingua e Literatura Castelá nos IES María Sarmiento (Viveiro) e Urbano Lugrís (A Coruña), (e isto tamén marca).

Xa vedes que tan importante é onde se nace coma onde se pace.

– Foi membra fundadora do Seminario de Estudos Terra de Viveiro.

– Colaboradora habitual no Heraldo de Viveiro e na revista Tempos Novos.

– Mantivo unha columna no xornal El Mundo en galego na década dos 90 ata o peche da súa edición galega en 2001.

– Fixo crónicas, reportaxes, entrevistas…

– Gañadora do primeiro premio da Agrupación Cultural Sementeira en 1975.

– Colaboradora de Radio e Televisión e comentarista de literatura infantil e xuvenil.

Ten publicacións tan interesantes como “As Carrachentas” (2008), “A Pel do Melgacho” (2016), e moitas máis cousas sen publicar, entre elas, teatro.

  • Como vedes, Fina Roca tocou case que tódolos paos da Literatura e do Periodismo.

A Fina, só lle quedou ser “corresponsal de guerra”, pero como correu diante dos grises… Vale unha cousa por outra.

Fina Roca é moi activa tanto nas redes sociais como na rúa , manifestándose sempre contra as inxustizas sociais, De feito ten un blogue moi interesante www.finaroca.com, Que comeza así: “Este blogue está aberto a quen me quere ben e, tamén, a quen non me quere mal.” Nel abranga moitísimos temas, desde viaxes que fai polo mundo adiante, describindo os lugares, especialmente os Mercados de abastos, as críticas ao Urbanismo salvaxe,  receitas de cociña, ata unha carta aberta a Núñez Feijóo…., como vedes, non deixa títere con cabeza.

Lóstregos de Orballo é moito máis que un  poemario, é un proxecto artístico entre dúas persoas, nai e fila, dúas xeracións,  máis tamén como unha ponte de unión entre a poesía e o deseño. Este poemario está deseñado e editado pola súa fila Carolina Núñez.

Tamén é un legado visual de fotógrafos familiares: o teu avó Ariza, de Carlos Jiménez  pai de Amparo Jiménez (a túa curmá) e Saúl Jiménez que está en activo en Viveiro.

Hai que dicir que estas fotos foron dixitalizadas pola túa curmá África Jiménez, así pois é un auténtico legado con connotacións familiares.

Este poemario divídese en 4 tipos de LÓSTREGOS: ABSTRACTOS / SENSITIVOS / REFLEXIVOS / INSENSÍVEIS

Fina Roca é unha poeta que sinte o que di, que xoga coa linguaxe pero non aparenta coa linguaxe.

Estes poemas son coma un destelo de luz, como una descarga eléctrica de distinta intensidade que cala en nós deixando pegada.

Como pintora que son, quixen buscar as AFINIDADES entre a poesía de Fina Roca e a pintura, e considero que:

Fina pinta coas palabras todo o que ve, o que sinte, o que latexa nela, o que hai que denunciar.

Ás veces, son pinceladas máis finas, máis detaístas, máis íntimas, coma LÓSTREGOS SENSITIVOS.

Outras veces son pinceladas máis grosas coma LÓSTREGOS REFLEXIVOS que nos removen, que nos fan tomar conciencia das inxustizas sociais.

Noutras ocasións son brochazos, a cachón, que nos levan dun lado a outro pasando por distintas emocións coma LÓSTREGOS ABSTRACTOS.

E as máis das veces, son trazos ben dirixidos ás derivas deshumanizadoras que nos rodean coma LÓSTREGOS INSENSÍVEIS.

E falando de pintura, quero rematar esta presentación facéndolle o agasallo dun cadro meu.

Beatriz Barcia

 

Beatriz agasalloume cun fermoso cadro feito por ela e Antonio Gil, no nome da Fundación, o derradeiro libro escrito por Gonzalo Torrente Ballester traducido ao galego polo inolvidable Carlos Casares: Doménica

 

Deixa unha resposta