Víctimas do terrorismo somos todas e todos…

Centos de miles de persoas se manifestaron en Madrid para impedir que o goberno de Zapatero negocie coa ETA a fin da violencia, cousa que debería alegrarmos a todas e todos. Pero non! Neste país de pandeiretas e gaitas, a división de tribos e castas, de dereitas i esquerdas, é un mal endémico, coma a SIDA en África…
As dereitas españolas aprenderon a manifestarse tarde, mal e a rastreas e aínda lles falta un fervor! Necesitan practicar moitos anos na oposición, facendo cursos na clandestinidade, para acadar o certificado de Iniciación en Mobilizacións! Terán que mover tropecentas pancartas se queren saír na foto! Non dubido que Almodóvar sabrá sacarlle partido á familia feliz àmericana con Ana Botella de protagonista, manifestándose diante do Parlamento cos seus doces cachorros, recen saída da perruquería con zapatos de Adolfo Domínguez de tacón de agulla, e vestida por Cristian Dor…
Ó PP só lle falta asumi-lo papel dos Sindicatos e convocar unha Folga Xeral! Por min que non quede! Anque non creo que ós seus socios capitalistas estean a favor de mobiliza-las masas en contra dos seus intereses económicos…
SER DEMÓCRATA É UNHA ACTITUDE PERMANENTE CARA Á VIDA, mal que lle pese a Federico Jiménez Losantos, o actual portavoz da clase VIP de machotiños ibéricos, deses bispos e cardeais, que viven a corpo de rei sen rascar pancada, grazas en parte o Goberno Zapatero, quen non se atreve a quitarlle as millonarias súbvencións estatais, permitindo que as clases de Relixión sexan de oferta obrigada, fronte á Cultura Clásica, que forma parte do amplo ábano das optativas da ESO! A boa hora ía ter choio o Ximénez se a Xerarquía Católica deixara de chupar do bote…
Persoalmente RAJOY dáme mágoa e Gallardón móveme á risa polo seu papel de florentino fronte a derechona cristiá do seu propio partido! Nembargantes, Acebes e Zaplana métenme medo coma Hitler! Non saben perder, gústalles moito mandar con promesas inverificables de salvación eterna, non se resignan a formar parte da oposición e buscan o poder a calquera prezo. De Fraga non se sabe nada dende que abandonou Galiza para exercer nos madriles de senator consultor…
O PP se caga pola pata abaixo só de pensar que ZAPATERO poda conseguir o desarme da ETA! A repercusión internacional non se faría esperar e non dubido que, algunha Asociación de Víctimas do Terrorismo, ía propoñelo para o Premio Nóbel da Paz! Quen vería a Aznar morto de rabia…
Mal anda quen utiliza ás víctimas do terrorismo por intereses partidistas! Deberían aprender de RIGOBERTA MENCHÜ e das AVOAS do Maio Arxentino, que souberon enfrontarse ós Terroristas de Estado sen máis armas ca palabra cunha diadema de flores e un pano na testa…
Ollo! Que os terroristas, como os psicópatas, carecen de sentimentos, matan de oficio, como os exércitos de ocupación! Coidadiño que habelos, hainos por todas partes e de todo tipo: islámicos, etarras, de xénero, de Estado…
A meirande parte das mulleres estamos a favor do desarme mundial, porque non queremos parir máis fillos para a guerra…
Fina Roca.

Deixa unha resposta