Xosé Ramón Vázquez Sandes, actual Valedor do Pobo dende o ano 2002, ven de negar a existencia de discriminación contra a muller. Vamos! Este home vai moi vello, ou está chocho…
Imos refrescarlle a memoria! O nº de mulleres asasinadas en España polos seus homes, ex maridos ou compañeiros
sentimentais, de xaneiro a outubro de 2005 foi de 52. Segundo os datos do Observatorio contra a violencia doméstica e de xénero, do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), no primeiro semestre do ano, en España, 20.271 mulleres solicitaron protección, das que os xuíces concederon 15.330, o 76%… Desgraciadamente a loita pola igualdade entre homes e mulleres é un campo duro de roer: a Amnistía Internacional me remito. En España, non só están discriminadas as mulleres analfabetas e con estudios primarios, senón as tituladas superiores. Na ensinanza, malia que hai máis profesoras ca profesores, os presidentes dos Tribunais de Oposicións (cargos designados a dedo e ben remunerados) son case sempre homes. Cantas Rectoras e Decanas hai? Cantas mulleres existen no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia? Cantas Valedoras do Pobo? Ningunha…
Invito ó señor Sande a patear os barrios marxinais das cidades galegas, para observar en directo, como viven as fillas/os do paro e maila droga, en que condicións traballan moitas mulleres empregadas do fogar e da rama do textil para sacar adiante ás súas familias. En Coruña proliferan os baixos, tipo garaxe, sen ningún tipo de seguridade ambiental, onde as traballadoras perden a vista por un salario miserable, sen Seguridade Social, cosendo noite e día roupa de vestir, sabas, cortinas, edredones etc. Non fai falla ir a Portugal para ver coser zapatos de firma a mulleres e nenos…
Non hai denuncias porque a moitas mulleres, xente do común, non lle queda máis remedio que traballar para as subcontratas dos grandes capitostes, de Zara por exemplo, se queren comer quente sen ter que mendigar ou pasar po Caritas…
En canto as tituladas superiores, non nos pode negar o Valedor do Pobo que, algunha que outra queixa de mobbing manifesto nos seus respectivos postos de traballo si que tivo. Pero nin caso lles fixo! Como tampouco llo fixo ós inquilinos e propietarios da casa de Barro de Viveiro que recurriron a el, para que intercedera polas mulleres de moitos anos que se quedaban sen fogar por mor dunha cacicada manifesta, sancionada polos tribunais de xustiza. Fina Roca.