Beatriz Barcia presentou na Fundación Gonzalo Torrente Ballester o Poemario Lóstregos de Orballo

 

Presentación en Santiago (04/06/2026) por Beatriz Barcia 

May be an image of sink e indoors

A entrañable presentación da profesora, actriz e pintora  Beatriz Barcia:

Benvidos todos e todas, antes que nada queremos agradecer a Antonio Gil, responsable do centro de investigación e director do arquivo desta Fundación Gonzalo Torrente Ballester, así como á súa presidenta Fernanda Torrente, por permitirnos estar hoxe aquí presentando o poemario “Lóstregos de orballo” de Fina Roca. Grazas, tamén, a Marta Michelena por axudarnos a atopar o lugar axeitado para este acto. Estamos, moi agradecidas.

Antes de presentar a autora do libro, eu quería dicirlle  que encántame o título “Lóstregos de orballo”,  eu penso que escolliches, dúas das palabras máis fermosas da lingua galega: Lóstregos e orballo.

E agora, para os que non coñecedes a Fina Roca, vou presentala:

Fina Roca naceu en Ferrol (e iso marca). Terra de grandes escritores e escritoras, pensadores e pensadoras, como Gonzalo Torrente Ballester. Concepción Arenal, Ricardo Carballo Calero, Wenceslao Fernández Flores, etc. Só falo dos bos, claro!

– Licenciada en Filosofía e Letras (Xeografía e Historia) pola Universidade de   Santiago de Compostela (e isto tamén marca)…

– Foi profesora de Lingua e Literatura Castelá nos IES María Sarmiento (Viveiro) e Urbano Lugrís (A Coruña), (e isto tamén marca).

Xa vedes que tan importante é onde se nace coma onde se pace.

– Foi membra fundadora do Seminario de Estudos Terra de Viveiro.

– Colaboradora habitual no Heraldo de Viveiro e na revista Tempos Novos.

– Mantivo unha columna no xornal El Mundo en galego na década dos 90 ata o peche da súa edición galega en 2001.

– Fixo crónicas, reportaxes, entrevistas…

– Gañadora do primeiro premio da Agrupación Cultural Sementeira en 1975.

– Colaboradora de Radio e Televisión e comentarista de literatura infantil e xuvenil.

Ten publicacións tan interesantes como “As Carrachentas” (2008), “A Pel do Melgacho” (2016), e moitas máis cousas sen publicar, entre elas, teatro.

  • Como vedes, Fina Roca tocou case que tódolos paos da Literatura e do Periodismo.

A Fina, só lle quedou ser “corresponsal de guerra”, pero como correu diante dos grises… Vale unha cousa por outra.

Fina Roca é moi activa tanto nas redes sociais como na rúa , manifestándose sempre contra as inxustizas sociais, De feito ten un blogue moi interesante www.finaroca.com, Que comeza así: “Este blogue está aberto a quen me quere ben e, tamén, a quen non me quere mal.” Nel abranga moitísimos temas, desde viaxes que fai polo mundo adiante, describindo os lugares, especialmente os Mercados de abastos, as críticas ao Urbanismo salvaxe,  receitas de cociña, ata unha carta aberta a Núñez Feijóo…., como vedes, non deixa títere con cabeza.

Lóstregos de Orballo é moito máis que un  poemario, é un proxecto artístico entre dúas persoas, nai e fila, dúas xeracións,  máis tamén como unha ponte de unión entre a poesía e o deseño. Este poemario está deseñado e editado pola súa fila Carolina Núñez.

Tamén é un legado visual de fotógrafos familiares: o teu avó Ariza, de Carlos Jiménez  pai de Amparo Jiménez (a túa curmá) e Saúl Jiménez que está en activo en Viveiro.

Hai que dicir que estas fotos foron dixitalizadas pola túa curmá África Jiménez, así pois é un auténtico legado con connotacións familiares.

Este poemario divídese en 4 tipos de LÓSTREGOS: ABSTRACTOS / SENSITIVOS / REFLEXIVOS / INSENSÍVEIS

Fina Roca é unha poeta que sinte o que di, que xoga coa linguaxe pero non aparenta coa linguaxe.

Estes poemas son coma un destelo de luz, como una descarga eléctrica de distinta intensidade que cala en nós deixando pegada.

Como pintora que son, quixen buscar as AFINIDADES entre a poesía de Fina Roca e a pintura, e considero que:

Fina pinta coas palabras todo o que ve, o que sinte, o que latexa nela, o que hai que denunciar.

Ás veces, son pinceladas máis finas, máis detaístas, máis íntimas, coma LÓSTREGOS SENSITIVOS.

Outras veces son pinceladas máis grosas coma LÓSTREGOS REFLEXIVOS que nos removen, que nos fan tomar conciencia das inxustizas sociais.

Noutras ocasións son brochazos, a cachón, que nos levan dun lado a outro pasando por distintas emocións coma LÓSTREGOS ABSTRACTOS.

E as máis das veces, son trazos ben dirixidos ás derivas deshumanizadoras que nos rodean coma LÓSTREGOS INSENSÍVEIS.

E falando de pintura, quero rematar esta presentación facéndolle o agasallo dun cadro meu.

Beatriz Barcia

 

May be an image of Unha ou máis persoas, hospital e indoors

Beatriz agasalloume cun fermoso cadro feito por ela e Antonio Gil, no nome da Fundación, o derradeiro libro escrito por Gonzalo Torrente Ballester traducido ao galego polo inolvidable Carlos Casares: Doménica

 

Lóstregos de orballo Poemario de Fina Roca, deseñado por Carolina Núñez Roca. Editado e publicado por Brit Es MAGAZINE

Presentación do Poemario Lóstregos de orballo de Fina Roca, en Ferrol, por Siro López Lorenzo. O día 6 de xaneiro de 2026 no Ateneo Ferrolán. 

 

Boas tardes.
Fina Roca, a dama a quen acompaño hoxe neste escenario, é unha poeta ferrolá autora de varios libros; un recente, precioso de contido e de forma porque está deseñado pola filla Carolina Núñez Roca, que disto sabe canto cómpre saber e máis. O libro é un poemario titulado Lóstregos de orballo e Fina, por razón de amizade e por sermos ferroláns os dous, quixo que hoxe llo presentase eu no Ateneo. Foi unha mala elección porque a miña formación en Arte poética non está á altura que a obra merece. O meu primeiro contacto coa poesía foi a que tiven con catro e cinco anos na Noite das Pepitas ao memorizar as letras que cantaban as rondallas:
Cuando duermen las flores
en sus bellos pensiles
y los blancos luceros
comienzan a rutilar (…)
Ou esta outra:
Por tus bellos encantos,
Pepita hermosa,
del jardín de mis sueños
tú eres la rosa.
Outra máis:
Pepita bella y gentil,
yo te amo con frenesí

A música tapaba todo como tapan o pementón os chourizos malos e as especies os malos callos. Sempre pensei que aqueles letristas poderían facer mellores estrofas pero que se esforzaban en manter a cursilería como un valor propio da noite máxica ferrolá, e probablemente era así. A miña relación coa poesía mellorou cando nos primeiros anos do bacharelato descubrín a Rubén Darío contándolle un conto a Margarita:
Margarita está linda la mar,
y el viento,
lleva esencia sutil de azahar;
yo siento
en el alma una alondra cantar;
tu acento:
Margarita, te voy a contar
un cuento.

Con dez anos lía estes versos e non sabía que pensar, que sentir nin que dicir. O poeta parecíame un funámbulo dos circos dando brincos nun aramio que se movía dun lado a outro ameazándoo con lánzalo como un lote. Pero tamén con dez anos lin nos mesmos libros a Manuel Machado, eloxiando ao Cid, e pareceume o forzudo do circo que collía cos dentes o cinto dunha rapaza e levantábaa no ar. Eu lía:
El ciego sol se estrella
en las duras aristas de las armas,
llaga de luz los petos y espaldares
y flamea en las puntas de las lanzas.
El ciego sol, la sed y la fatiga
por la terrible estepa castellana,
al destierro, con doce de los suyos
-polvo, sudor y hierro- el Cid cabalga.

Mil veces que o lía, mil veces que un arrepío me percorría o lombo. De maneira, querida Fina, que algunha sensibilidade teño e leigo de todo, de todo, en materia poética non son e sei que hai poesía e poesía e poetas e poetas. E como na miña casa cantabamos a Rosalía e a Curros, tamén aprendín en galego algunhas das creacións supremas da poesía universal. Certo que andando o tempo devorei e dixerín a obra de poetazos como Uxío Novoneira, Salvador García-Bodaño, Luz Pozo, Xoana Torres, Celso Emilio, Ramiro Fonte, Eva Veiga, Ferrín… Certo que ata fun tan ousado como para prologar un precioso poemario da ferrolá Rosa María Milleiro e presentar outro da inesquecible Fusa Guillén, morta moi nova, demasiado nova. Certo que nos últimos anos do franquismo a miña relación cos poetas amigos era moi intensa e que intensa era tamén con poetas alleos que sentía cercáns, como Neruda e César Vallejo. Xuntabámonos na miña casa de Villa Soledad varios matrimonios amigos e despois de cear escoitabamos a unha parella de rapsodas extraordinarios. El, anunciaba cunha fermosa voz de baixo: . E quedábamos quedos, alentando a pouquiños. E o rapsoda arrincaba:

<Desventurado, ni el fuego ni el vinagre caliente/en un nido de brujas volcánicas,/ ni el hielo devorante,/ ni la tortuga pútrida/ que ladrando y llorando con voz de mujer muerta, te escarbe la barriga,/buscando una sortija nupcial y un juguete de niño degollado,/serán para ti una puerta oscura, arrasada>.

E nós sen pestanexar. Remataba el, e empezaba ela cunha voz arxentina,
doce, preciosa:
Niños del mundo,
si cae España -digo, es un decir-
si cae
del cielo abajo su antebrazo (…)

Que? Que pasaría se caese España baixo a rebelión fascista?
Aquela muller dicíallo aos nenos poéticamente e con voz trémula:Niños, ¡qué edad la de las sienes cóncavas!
¡qué temprano en el sol lo que os decía!
¡qué pronto en vuestro pecho el ruido anciano!
¡qué viejo vuestro 2 en el cuaderno!

E aí, cando dicía o verso: <¡Qué viejo vuestro 2 en el cuaderno!>, a min
enchíanseme os ollos de bágoas e Chente carraspeaba.
Verdade que tamén a ti, Fina, te conmove a galanura do verso; <¡qué viejo vuestro 2 en el cuaderno!>. É a maxia da poesía. Si, todo é certo. Zote de todo non son, pero este libro tan ben concebido, tan ben estruturado, tan ben deseñado e tan ben editado merecía o mellor presentador, o que máis sabe de poesía no mundo: o poeta ferrolán Miguel Carlos Vidal, de 99 anos, creador con Tomás Barros e Mario Couceiro da prestixiosa revista Aturuxo, editada nesta cidade de 1952 a 1960. Ese debería ser o presentador do teu libro, Fina. O que ti, a túa filla e o voso libro merecedes. El faría virguerías. Eu farei o que poida. Falo de Miguel Carlos Vidal porque, certamente, é quen máis sabe de poesía no mundo e porque recentemente, coa presentación da revista Ferrol Análisis, recibiu unha homenaxe do Club de Prensa, á que non puiden asistir, pero súmome a ela aquí e agora.

Vou ao libro e empezo reparando no texto: <<Entre pregos, fotos e Lembranzas>>, de introdución ao poemario porque nel hai unha declaracións de intencións da poeta: <<deixar aflorar os sentimentos e emocións nun mundo cada vez máis deshumanizado e globalizado no que o gran capital manda>>. E detéñome en dúas opinións de Xaime Oroza Carballo, oprologuista, que comparto totalmente: <<Lóstregos de orballo é un conxunto de cincuenta poemas ensarillados, de alto valor poético, cunha voz moi persoal. É Fina Roca dende o comezo ao remate, requintando a voz, sublimando o canto, abrindo o espírito. Ata os máis curtos teñen forza para soster o alento e deter o tempo co seu latexo de beleza>>. E máis adiante: <<Fina escribe poesía como alenta, e deixa no ar a beleza do latexo da palabra, tinguindo de cor a néboa da existencia coa súa voz>>. Está moi ben, pero por que fai poesía Fina Roca? Polo mesmo que o fan todos os poetas de verdade: para ofreceren e compartiren o seu canto. Un poeta cantor que coñecín pouco e admirei moito –o arxentino Horacio Guaraní- dicía nunha canción: <Si se calla el cantor, calla la vida/ porque la vida, la vida misma, es todo un canto./ Si se calla el cantor mueren de espanto/ la esperanza, la luz y la alegría>. Horacio Guaraní era un cantor e poeta popular, con problemas na disposición das comas e nas concordancias, pero a min emocionoume como poucos.

E neses poucos está Fina Roca. Ela, que coñece os seus poemas como a fillos, distribuínos en alcobas por grupos: unha para os lóstregos abstractos, outra para os sensitivos, outra máis para os reflexivos, e a última para os insensíbeis. Iso está moi ben para quen queira facer unha análise profunda da súa poesía, pero a min a única diferenciación que me interesa é a dos poemas que me chegan e non me chegan. E práceme dicir que me chegan os máis deles desde todas as alcobas.
Leo:
Dime, alma, razón etérea da miña existencia,
que entelequia, divina ou humana,
pode apropiarse do meu espírito soberano?

E máis adiante:
Alma, altiva e vaidosa/ verxel de fracasos doridos/,
por que me humillas coas túas ansias perdurábeis
de salvación eterna?

Estes non son versos feitos con palabras buscadas no dicionario nin coa Intelixencia Artificial. Son versos que teñen a fondura filosófica dos mellores aforismos e a maxia dos grandes acertos poéticos como ese <qué viejo vuestro 2 en el cuaderno>, que levo comigo como unidade de medida poética sempre. Fina Roca fala das bolboretas e chámalles: <radiante luz dos sentimentos>. É un acerto, un grande acerto. As bolboretas son a luz da miña infancia na costa do Campo de Batallóns, onde o secadoiro de peles do matadoiro. Eu medrei entre centos, milleiros, de bolboretas brancas, amarelas, azuis, violetas, de moitas e esplendorosas cores, que os nenos chamabamos <reis>  e outras máis pequenas e menos fermosas, que chamabamos raíñas. Cando anos despois lin o Merlín e familia de Cunqueiro, pensei que o mundo que o mago mostraba aos nenos da Terra de Miranda a través das pompas de xabrón era o meu mundo entre as bolboretas da costa no Campo de Batallóns.

Algúns versos de Fina Roca teñen un punto de humor que os converte en agudos aforismos, dignos de Bergamín e Juan Ramón Jiménez, mestres do xénero. Encántame este: < O libre albedrío fuxíu de min/ para evistarme molestias>. Paréceme sublime. E este outro: <Os soños afástanse de min/ e non teño inimigos a quen botar a culpa>. Esta muller pensa, pensa tanto que ás veces ten maniotas no pensamento. Cóntao nun verso. Teño que rematar e fágoo cunha dobre observación: engaiólame a poesía amorosa de Fina Roca. Apréixanme os versos en que expresa o desexo, a necesidade, de ser amada alma a alma e pel a pel : <Nisto e noutro,/ que non podo explicar,/ invadiume o desexo irreprimíbel/ de querer ser amada// sen redimirme de nada/ de sentir a sensación de gloria>. E arrepíanme pero apréixanme tamén os versos de denuncia da violencia machista: < Tentache cambiar a miña vida sen consultarme/ manipulaches a miña propia percepción da realidade,/ para controlarme, asustarme, humilarme e illarme>. E de súpeto, no medio do poema, este verso terrible: < Que che fixen para odiarme tanto>.

Versos terríbeis todos son os do poema Violación: <Non chegaches á floración…/ Anxo meu,,,>.

Non leo máis.

O prologuista Xaime Oroza Carballo di que Fina é unha voz orixinal na poesía galega. Iso é difícil, é o difícil, o máis difícil; pero ela consígueo e danos a clave: <Peneiro a  luz das palabras/ nun muiño de mareas literaias>. Diso se trata: non de peneirar as palabras –iso facémolo todos-, senón de peneirar a luz das palabras para quedar coa propia luz. E esa luz – a súa luz- está en versos que son só raiolas de luz e versos que proxectan sombra, ás veces negra sombra. Versos breves, case silentes, e versos soltos e libres como andoriñas que voan e <<zurrichan, zurrichan, zurrichan e zurrichan>>. Eu calo e non zurricho máis. Déixovos coa poeta Fina Roca.  Siro López Lorenzo