22 carpas de Educación Infantil, Primaria , Secundaria e Universitaria acercaron a Ciencia e as Novas Tecnoloxías a grandes e pequenos. Había que ver aos máis pequerrechos explicando os seus traballos! Moreas de xogos espallados por todo o parque, por faltar non faltaron nin os Cabezudos, nin as carreiras de caracois que gañou Martín Patiño, de oito anos, de avións de papel (Carla Pereira), de cubos de xelo (Carlos Seijas e Santiago Sestar), xadrez e damas xigantes, papiroflexia, etc. Os museos coruñesos sumáronse á festa abrindo as súas portas de balde. Todos os participantes eran de A Coruña e provincia, agás o IFP Porta da Auga de Ribadeo. E todos vestían do mesmo xeito; camiseta amarela con eslogan e topónimo en castelán: XII Día de la Ciencia en la calle. La Coruña.
Velaquí algúns dos traballos máis interesantes:
URBANO LUGRÍS, A CORUÑA, antigo POLITÉCNICO: Instituto público de ESO, Bacharelato e Ciclos Formativos de Electricidade, Electrónica e Mantenimento Electromecánica. Un fato de alumnos/as e profesores de FP presentaron varias actividades moi interesantes relacionadas coa Enerxía, Robótica e Pneumática: Aproveitamento da enerxía fotovoltática, Robot controlado por microcontrolador e Sistema Pneumático. Había que ver como funcionaba unha neveira con placas solares! Estudiantes participantes:Andrés Reixa, Dani Sabio, Estefanía Pose, Diego Pérez, Javier Castro, Miguel García, César Javier García, Jorge Pérez. Profesores: Ángel Dominguez, Francisco Carneiro, Faustino López, Arturo Mesura, Daniel Piñeiro, Antonio Rabina, Esteban Rodríguez.
Fotos e texto: Fina Roca.
IES Urbano Lugrís
Carpas, xogos infantís, prantas:
Biotecnoloxía.Física e Química
Cohetes de auga
genomas
Bonsais e… que sega a festa nos Centros Educativos.
Veciños de Monelos reuníronse, onte, ante a futura sede do IMELGA coruñés, sito na rúa Juan Neira, na popular travesía de Monelos, para protestar en contra da ubicación da sede forense e das carencias do barrio, convocados pola asociación de veciños Fuente de las Pajaritas, que leva anosreivindicando un local social e un cruce de peóns con semáforos fronte a rúa Juan Neira.
Rúa Juan Neira.
Membros da Asociación veciñal colocando a pancarta nos baixos de Raminosa, onde vai ir o IMELGA , actualmente, está nos xulgados, que é onde ten que estar. Aínda ben non colocaron a pancarta apareceron a toda pastilla dous coches do 091, atrancando aínda máis a rúa Juan Neira, onde, os desaprensivos, aparcan en doble fila, nas beirarrúas e, incluso, en plena curva e diante dos garaxes malia ter o vado perfectamente señalizado e pagado.
Policía municipal e grúas non aparecen nunca por Juan Neira por pertenecer a ese tipo de rúas, que non ven os turistas. A Coruña que se ve está moi linda, pero a que non sae na foto da noxo! O parque de Oza, na bisbarra de Joaquin Galiacho e Juan Neira, está cheo de merda e as rúas pechadas a cal e canto.
Os veciños, de momento, non van reivindicar aparcamentos para residentes, como existen nos barrios señoriais, pero van cansos de chamar ao concello para denuncia-la situación da rúa, sin que ninguén lles faga caso, a única vía que lles queda é manifestarse tódolos xoves. Ou sexa, munipas e Concello pasan dos problemas desta emblemática zona e, aínda por riba, queren ubicar aos forense nos baixos das vivendas familiares, nas que os veciños hipotecaron toda unha vida.
Faltaría máis! Que leven o Imelga para os baixos da casa de Losada, o actualalcalde, ou para o mirador de San Pedro, alí teñen un bo ascensor para os osos dos mortos e delincuentes.
O 091 apareceu en Juan Neira, tan pronto como colocaron a pancarta nas fiestras do futuro instituto forense, que está porta con porta do Liceo de Artesanos de Monelos.
Velaquí como aparcan os munipas nos pasos peatonais, miúda maneira de das exemplo. Dous coches contra cincuenta veciños. É moito…
Membros da comunidade de propietarios do edificio de Raminosa, presentes na concentración de ontes, manifestaron que nin a Xunta de Galicia, nin o Concello da Coruña, pediron permiso aos copropietarios do edifico para facer o Imelga, como así reina nos seus estatutos.
Fotos e texto de Fina Roca
No cartel de obras, onde vai ir o Imelga, está especificado o nome da arquitecta, promotor e licencia, pero non aclaran, como é preceptivo, a que se vai dedicar a obra. Lévanno todo con moito segredo. Cabe subliñar, que non respectan o descanso semanal, xa que os obreiros dos baixos de Raminosa, traballan sábados pola tarde e festivos, saltándose á toreira o convenio regulador da construcción.
Os veciños, reunidos na rúa de Juan Neira, quedaron emplazados para o próximo xoves diante do centro cívico de Monelos ás oito e media da noite, van distribuír información do cadro reivindicativo das asociacións veciñais e recollida de firmas para protestar polas carencias do barrio, ausencia de paso de peóns diante de Juan Neira, relización do parque de Oza, local social, non o Imelga, etc.
O IMELGA, Instituto de medicina legal de Galicia, ten as seguintes funcións entre outras moitas: Antropoloxía forense, analizar tódolos restos óseos que aparecen en Galica, Patoloxía forense, realización de autopsias por morte violenta ou natural -contrátase o servio dunha funeraria que transporta os mortos ata as dotacións do Imelga- e valoración do dano corporal, ben por violencia de xénero, ben por delincuentes comúns, asasinos…
Na Coruña as manifestacións do Primeiro de Maio non deron para moito. As Centrais Sindicais estaban máis divididas cos partidos maioritarios de esquerdas e dereitas. A CIGA (nacionalistas) congregou 500 manifestantes e CC.OO + UGT a 1000. A chuvia non axudou a congregarse na praza de Vigo (simpatizantes do BNGA), nin na Palloza, simpatizantes e afiliados do PSOE e Esquerda Unida. Claro que, tamén choveu en Vigo, e as Centrais Sindicais conseguiron reunir a + de 10.000 manifestantes. Que pasada! Iso si que é celebra-lo día mundial das clases traballadoras e as súas xustas reivindicacións…
Insisto! Vivimos nun tempo histórico no que tanto as esquerdas como as dereitas so miran para o seu cu, só lles preocupa o nº de votantes, o poder en suma! As centrais sindicais levan o mesmo camiño, xa que mentres UGT se manfestaba por un emprego de calidade, no obelisco, os bombeiros, que levan moitos días durmindo a intemperie reivindicando un salario digno, acusaban á devandita central de traidora i esquirola.
A manifestación conxunta de CC.OO+UGT rematou diante do goberno civil, estaba atiborrada de globos vermellos, cantouse a Internacional cos puños pechados dentro dos petos e o himno galego ao son das gaitas. Coma sempre, poucos manifestantes sabían as letras do ‘Agrupémonos todos na loita final’ e ‘Que din os rumorosos’, agás o histórico Geluco Guerreiro que estaba entre os presentes e liscou a fume de carazo cando rematou a manifestación. Propoño que, en lugar de tantas bandeiras e globos, repartan entre os manifestantes un calendario coa letra da Internacional e himno galego, paro non quedar mal, claro!
Lema das pancartas coruñesas das fotos: <1º de Maio. Pola igualdade. Emprego de calidade. Non a deslocalización.>
En fin! Xa que falan de igualdade e, o primeiro de maio é a festa do movimento obreiro, día iNTERNACIONAL DOS TRABALLADORES dende o 23 de abril de 1919, día feirado, festivo, haberá que reivindicar, tamén, como día festivo, o 8 de marzo= día da muller traballadora.
A Asociación de Veciños de Monelos Fuente das Pajaritas, cansa das falsas promesas do actual alcalde da Coruña, Losada, delfín de PAQUIÑO VÁZQUEZ, convocou unha manifestación pacífica, xoves 26 de abril, co fin de denunciar, que seguen sen local social e sen Parque de Oza; o único que fixo Losada foi vender terreo público en Elviña para facer un Centro Comercial e remexer a terra de Oza cunha paleadora para saír na foto preelectoral, deixando aos veciños co cu ao aire xa que non poder abrir as fiestras das casas porque enchénse de po e as moscas, asemade, nada se sabe dos 348.000 euros presupuestados para a realización do cacareado parque con xardíns nipóns, ingleses, franceses etc… O parque de Oza xa existe, natural, e só necesita unha boa limpeza. Ver o antes e despois nesta mesma páxina.
Os manifestantes concentráronse diante do centro cívico de Monelos e deron unhas voltas ao redor do barrio e do novo Centro Comercial de Elviña facendo unha parada técnica diante do Gadis, denunciando que, outrora, a asociación tiña a súa sede no mercado de Elviña, pero coa ‘Reforma’ botáronnos fóra para meter a Adolfo Domínguez, Gadis, Movistar, O Pincel e outras xoais da coroa, amén de mandar para a terceira planta aos usuarios e placeros: carniceiros, froiteiros, pescadeiros, amas de casa etc, ou sexa, que o mercado de Elviña quedou para os ricos de sempre…
Texto dunha das pancartas que abrían a manifestación:CONCEJALA, ALCALDE, CON IMELGA Y SIN LOCAL, MONELOS NO SALDRÁ DE VALDE.
IMELGA = Instituto de Medicina Legal de Galicia. O Imelga coruñés estase a facer a marchas forzadas nos baixos do edificio de Raminosa, entre a travesía de Monelos e a rúa Juan Neira, sen o consentimento dos copropietarios do edificio como é preceptivo na apertura dun local, segundo os estatutos da Comunidade de Propietarios, que non descartan recurrir aos tribunais, xa que non están dispostos a ter os mortos e presos nos baixos das súas casas. Os manifestantes deron berros en contra do Imelga e a favor dun local social para os veciños de Monelos, acusando ao alcalde e a concelleira de barrio de traidores. Un equipo de patoloxía forenses, Imelga, nos baixos dun edificio, sito nun barrio superpoboado non é de recibo, é para botarse a tremer.
Mentres os manifestantes reuníanse diante do Centro Cívico de Monelos os membros da Xunta directiva repartían octavillas e explicaban o que pasou co mercado de Elviña, o club de chave e xardín, que agora ocupa Adolfo Domínguez e outros…
Texto doutra pancarta do movimento veciñal de Monelos: VÁZQUEZ LO PROMETIÓ Y UN AÑO MÁS TARDE LOSADA LO NEGÓ. NECESITAMOS UN LOCAL… ¡¡¡YA!!!
A única forza política que acudiu a manifestación foi Esquerda Unida (IU)…
No ano 1995, en Paris, a Unesco proclama o día 23 de abril día internacional do Libro, a petición da Unión Internacional de Libreiros, habida conta que un 23 de abril do ano 1616 morreron dous grandes das Letras: Cervantes e Shakespeare. Cabe subliñar que, en España, celébrase o devandito día dende 1926 en honor do autor do El Quijote. Asemade, dende 1974, ese día entrégase Elpremio Cervantes,en masculino, claro! Xa que, en 33 anos, só dúas mulleres tiveron dereito a tan ilustre galardón: a poeta cubanaDulce María Loyuaz (1903-1997) e a malagueña María Zambrano. Será por mulleres? Vamos! Xa falaremos mañá de a quen lle deron o premio, o pasado ano foi para Antonio Gamoneda…
Propoño practicar o bookcrosser para participar activamente no día do libro…
A librería Nos de A Coruña terá as portas abertas ata as 12 da noite para contar historias e ler, Cecilia, a libreira, propón regalar libros para a cárcere de mulleres cunha dedicatoria e frases ‘literarias’. Pareceme ben…
Bo día! Que non se diga! Regalemos un libro e unha flor, se pode ser, como en Cataluña. Fina Roca.
Mercade un lacón fresco de cinco ou seis quilos para 12 persoas, que o carniceiro lle quite o oso da pala sen desfacelo, -reserva-lo oso para facer un caldo limpo-, que lle dea catro cortes profundos pero sen desface-lo lacón, que non corte o oso da pata de todo, hai que procurar que o lacón quede enteiro, que se poida agarrar polo codillo para dárlle-la volta no forno.
Ingredientes:dúas cabezas de allo, unha cucharada de pimentón doce e outra picante, un vaso de aceite de oliva, auga, catro manzás, 150 gramos de pasas, pirixel picado, un pimento roxo e dúas cebolas grandes, das roxas, un quilo de patacas pequeniñas, unha boa presa de sal e unha cervexa…
Nun bol grande mesturade un vaso de auga, unhas areas de sal e dúas cucharadas sopeiras de aceite de oliva. Batir cun tenedor ata que quede como unha salsa branca i engadirlle unha cervexa fría, remexendo a mexunxe…
Forma de facelo: nun mazarico machaca-los allos coa sal e o pirixel, engadir o aceite e o pimentón, remexer todo e adoba-lo lacón por todas partes, utilizade as mans, como se lle dérades unha boa masaxe, deixadeo en adobo 24 horas como mínimo, dándolle voltas de cando en vez para que se empape por todas partes. Ao día seguinte quenta-lo forno a 220º e, cando estea quente, mete-lo lacón coa pel para abaixo perante quince minutos. Logo baixade a temperatura do forno a 120º, dárlle volta coa pel para arriba e meter as manzás e o pimento morrón…
Mentres se asa o lacón a lume lento preparade a mexunxe subliñada máis arriba e un caldo co oso da pala e as cebolas roxas sen pelar, -chalotas-, botade as cáscaras secas de varias chalotas para que lle dea color roxo ao caldo. Nunha taza con auga metede as pasas a remollo, unha hora mínimo. Cando o lacón leva asándose media hora, aproximadamente, sacadeo do forno i empapalo coa mexunxe e un cazo de caldo, dárllela volta e metelo de novo no forno sen varia-la temperatura, a 120º. Así ata que se consuma a mexunxe repetindo a acción, regandoo sucesivamente cunha cuchara, que non quede nunca en seco, e que a mexunxe só cubra o fondo da bandexa. Tres ou catro horas, dependendo do forno, son necesarias para que se ase un lacón de seis quilos. Cando estea asado hai que churrasca-la corteza: dez minutos ao grill coa pel para arriba.
Salsa: Pelar e trocear as manzás. Pelar y cortar en tiras o pimento e reservar. Colar o caldo, pelar as cebolas cocidas, que queden todas do mesmo tamaño, cubrir co caldo roxo (engadir colorante se non conseguides o color axeitado), botádelle unhas gotas de vinagre balsámico e deixar enfriar. O resto do caldo mesturalo coas mazás troceadas, as pasas e a salsa resultante da bandexa do forno, dándolle un fervor a todo no momento de servilo.
Presentación: Cortar en filetes finos a mitade do lacón, deixando o codillo enteiro, trocear a corteza churrascada, un cacho por comensal, e adornar os filetes coas tiras do pimento roxo, rodear con patacas cocidas pequeniñas i enteiras. A salsa quente na salseira e as cebolas, troceadas ou enteiras, en frío, o contraste dalle moita graza. Unha ensalada sempre vai ben. Se sobra, gárdase na neveira e córtase coma fiambre cando hai fame. Tamén pódese conxelar. Que aproveite! Fina Roca.?
Un ano máis os viveirenses demostraron o seu saber facer pola Semana Santa…
Só houbo dous pontos negativos:
A) Os descomunais cadros colgados polas fermosas fachadas dos edificios máis emblemáticos e os que chantaron no medio e medio da praza de Pastor Díaz. Que horterada! Por favor! Outro galo cantaría se colgaran os cadros nos edificios en ruínas, ou nos máis feos, nos que sustituiron a pedra polo cemento, en Ilda, gráficas Neira, mobles Iglesias, Elite etc, por exemplo! Mira que escarallar a fachada das concepcionistas con semellante mamonada. A praza de Pastor xa estaba escarallada dende a Reforma de César Aja, para cando máis coas xigantescas fotos! Que excesivos! Diríase que aproveitan os decorados da Mostra Folclórica e Festival do Landro para decorar a Semana Santa e mailas navidades. Vamos! Viveiro non necesita máis nada que deixar á vista as galerias mediavais, monumentos románicos, góticos e barrocos. Non é de recibo que empapelen a vila con litografías xigantescas, malas, moi malas, enmarcadas en escaiola marrón…
Praza Maior e Concepcionistas
B) O coche do crego, Manuel G. L, Lu-2979.M, estivo chantado no atrio de Santa María o Xoves Santo! Que insensible! O vernes cambiouno de sitio, apárcandoo no solar do antigo forno, a poucos metros da grota de Lourdes. Por moitos permisos que teña ese curiña para circular polo casco antigo, non debería abusar do poder ‘celestial’. Iso facíano certos alcaldes nos tempos precedentes…
O coche do crego con permiso municipal
Polo demáis a Semana Santa foi un exemplo de traballo e recollimento! Noraboa a tódolas confradías. Emocionante a saída do ECCE-HOMO da capela da Misericordia. Centos de fieles, especialmente chilindríns, -mariñeiros de Celeiro-, acompañaron a imaxe ata a porta de Carlos V onde se xuntou coa procesión da Paixón. Pero ollo! Que esta talla non é procesional e pódese rachar, mellor facer unha réplica para os desfiles, como fixeron en Ferrol co Cristo da Misericordia, e deixala na súa furna. O ECCE-HOMO é coñecido polo Cristo dos mariñeiros e polo Santo Iciombre: a tradición popular confundía o Cristo co Santo, quizais pola dificultade da pronunciación das voces latinas ecce homo= ese home. Venérase o día das Tres Grazas. O Ecce-Homo cruzou por primeira a vez a ponte, para saír en procesión, en 1899, logo volveu saír en outra ocasión en 1987. 2007 marca un fito na historia desta imaxe que quixeron queimar pola súa provocadora postura…
Viveiro, coma Ferrol, ten portadoras femininas, bailan o paso da Virxe da Cruz de forma maxistral. Este ano, en Viveiro, montaron unha carpa na ábside gótica de San Francisco para expor os pasos de Semana Santa:
Foto: Marta Michelena.
Fotos: Fina Roca
O bo tempo permitiu expor o ECCE-HOME diante da capela do seu nome. Cabe subliñar a postura amanerada de Xesús Cristo, talla do século XVII…
Preparativos previos ao desfile:
Os máis pequenos participan activamente nas tamborradas, desfiles e Banda Municipal de Viveiro que é un luxo ao alcance de poucos. Paga a pena ir a procesión dos Caladiños, só por escoitar a Marcha Fúnebre da Banda Municipal de Viveiro…
Unha curiosidade que mantivo intrigados aos amantes da prensa do fígado. Dicíase que Terelu Campos ía desfilar de mantilla española coa Confradía dos de Fóra para facerlle a competencia ao seu ex Pipi calzas follas. Pero non! Terelu Campus e o seu noivo viveirés, o Agrelo, só desfilaron polas tascas e vinotecas de Viveiro. Os defiles estiveron a velos dende o balcón de César Pais, o presidente da Aociación Comarcal de Viveiro. Aquí están ben, ninguén os molesta, nin sequera eu físenlle fotos malia telos ao meu carón. Para que? Os protagonistas non eran eles, eran os portadores anónimos/as e tantas outras persoas, que traballan arreo todo o ano para que Viveiro sega a celebrar de maneira maxistral a súa Semana Santa…
O xuíz, o alcalde, o pregoeiro e o cronista de Viveiro…
Franciscanos e tamborrada feminina, emulando aos tambores de Calanda…
Xamóns e desmesurado cartel da Xemana Santa, o peor de todos cantos se publicaron, con super cirios e trapos vermellos tapando un burato…
A fermosa fachada da farmacia dos Casariego, recén restaurada, tapada cun dos cuadros subliñados…
O Desprendemento en Santa María, auto Sacramental, e o Santo Enterro. Mágoa de que un ano si e outro tamén, a liturxia, sexa en castelán con castrapo, acento e interferencias galegas…
Don Amado Aguiar non podía faltar aos oficios…
O bo tempo axudou a celebrar as procesións e, incluso, puidemos gozar da praia…
Excursión lúdica cultural recomendada para alumnos/as de 4º de ESO e bacharelato e, naturalmente para viaxeiros con gañas de gozar da paisaxe, arte e novas teconoloxías. Levo anos facendo esta rota co meu alumnado e sempre pasámolo ben, moi ben. Viaxamos ao través da Literatura (A Rexenta de Leopoldo Alas Clarín), da arte prerrománica (Santa María do Naranco e San Miguel de Lillo), da Tecnoloxía (Museoda Mina de El Entrego), da pesca e natureza en estado puro, Cudillero: http://www.cudillero.org. En honor a La Regenta escomenzamos o percorrido no parque dos Franciscanos onde está o monumento a Clarin (foto nº 1), os pavos reais, que andan ceibes polo parque e bisbarra( foto nº 2) e a fonte dos sapos facendo alusión capítulo final da Rexenta. Seguimos polo Teatro Campoamor, catedral (4), monumento á Rexenta (5) e barrio antigo, coa visita obrigada ao mercado de La Fontan, onde se comercailizan os carballóns e, dende 1918, os famosos doces de avellanas ‘os carajitos do profesor’ Que ricos!
A segunda etapa obrigada é aos monumentos do prerrománico asturiano, declarados pola UNESCo patrimonio da Humanidade en 1985: Santa María del Naranco e San Miguel de Lillo (fotos 6-10) onde se celebran bodas e bautizos por 450 euros.
O museo da mina de El Entrego (foto nº 11), na conca do Nalón, é algo digno de ver, aos estudiantes encántalles baixar ao pozo cos cascos postos e facer de mineiros por unhas horas, baixan a pelo polas galerías e ramplas, e gozan a mazo coas antigas e novas tecnoloxías. Non falla! A visita a mina é o que máis lles gusta de todo o percorrido. Pasan da arte!
Cudillero é una vila de cine, punto de paso da rota costeira do Camiño de Santiago. As paleadoras non fixeron estragos, de momento! Aquí naceu, extendéndose a todo o principado de Asturias, a denominación de pixuetos para os pescadores e caizos para os labregos. Ten un curioso paseo fluvial, peatonal, que remata nunha casacada e que atravesa o monte de lado a lado (fotos 12, 13 e 14)
O concello da Coruña segue a atentar contra a paisaxe. A piqueta non perdoa, é demoledora, acaba con todo. Agora tocoulle o turno as hortas do Castrillón, onde as galiñas campan ás súas anchas. A fermosa casa que vedes na foto nº 3 co seu pozo e pio da auga vai ser derrubada o próximo mércores, como derrubaron as outras, testimuña son as sillas que emerxen dentre os escombros, foto nº 5. Para que? Para facer bloques de formigón horrorosos e unha piscina municipal pegada ao cemiterio. Vamos! Que na Coruña sobran piscinas e auga e faltan hortas como as de Oza-Castrillón. Que non as tiren! Mandar e-mails ao concello da Coruña para salva-las hortas. Fina Roca
Nota: ver nesta mesma páxina o antes e despois do parque de Oza.
Nos momentos baixos os arquivos que me manda o amigo Rafa levántanme a moral. Poñede os altafalantes para abrir este. Navegaredes polos Les Lumieres de le ville con Jean Paul Barruyer...