Xaque Mate, exposición de Beatriz Barcia….

Beatriz Barcia natural de Ferrol é ante todo unha persoa con vocación artística. Licenciada en Psicoloxía pola Universidade de Santiago, profesora de Pedagoxía Terapeútica, actriz de Teatro, Cine, TV e publicidade, deseñadora e pintora…

Esta polifacética muller vén de inaugurar unha magnífica exposición na sala da Asociación Cultural Alexandre Bóveda, sita na Rúa dos Olmos 16-18, 1º, A Coruña, que estará aberta ao público ata o 24 de novembro. Utilizando un taboleiro e pezas de xadrez, Beatriz, presenta unha colección de cadros e estampas pictóricas titulada Xaque Mate. Como a mesma autora subliñou a temática da súa obra xurdíu como unha necesidade de xustiza pictórica, enfocada a temas sociais, utilizando as figuras de xadrez de xeito antropomorfo e xogando, irónicamente, co xaque mate da vida mesma..

Ten por norma fotografiar paso a paso canda candaseu cadro, dende o boceto inicial ao resultado final. Foi unha delicia ver ‘teatralizado’ na pantalla tan singular forma creativa, Beatriz, expuso con voz firme como levou a cabo dous dos seus cadros máis interesantes, que foron adquiridos polo museo de xoguetes: unha caixa de mixtos en forma de xadrez está a piques de ser engulida por unha ola xigante, a devandita caixa simboliza unha pateira. O outro aparece primeiro con tres pezas de xadrez de cores vermella, amarelo e mourado, pouco a pouco xurde o Guernica de Picasso e o taboleiro de xadrez cos peós na vangarda, azuis, proxectando sombras negras de soldados a piques de fusilar as tres pezas subliñadas, á bandeira republicana.

A técnica pictórica máis empregada é a de acrílicos sobre lenzos.

Velaiquí:

 

Non deixa ningún tema no tinteiro: Nin o burka como opresión feminina, nin o fusilamento do Ensino Público, amén do logradísimo cadro das forzas vivas ou o xaque mate ortográfico, íntimamente relacionado coas acampadas dos indignados…

Beatriz con Gustavo Pernas e Ánxela Blanco…

A presentación estivo moi concurrida e por faltar non faltaron dramaturgos coma Gustavo Pernas, actrices como Ánxela Blanco, músicos e pintores como Manuel Rajal…

 

Texto e fotos: Fina Roca