Excursión a Lalin

O pasado sábado, organizada pola Asociación Cultural e Recreativa Comarcal Vivariense, houbo unha xuntanza de 70 viveirenses/as no quilómetro cero de Galicia, en Lalín, no restaurante Agarimo, para participar na festa do cocido, festa que se celebra cada ano dende o domingo anterior ao Entroido e que dura un mes coma mínimo. Cabe subliñar que hai autopista dende A Coruña a Lalín e que axiña se chega, unha hora aproxidamente. Eu facía moitos anos que non pisaba esta terra da comarca do Deza e atopei todo moi cambiado.

A Plaza maior está moi linda e chama a atención a escultura do cerdo que podedes ver nas fotos.

Que ben comimos!
Que cocido mi madriña!
Non faltaba de nada, carne de cocho e vaca, grelos, chourizos e patacas. Os chourizos pingaban as patacas que daban gloria, incluso, habíaos de cebola e dos outros. De postre filloas, leite frita e queixo do país con membrillo. Mercamos queixos, touciño con e sen febra e chourizos.  Antes de xantar fixemos un percorrido polas tascas da vila e monumentos.
Mágoa non poder ver o museo! Estaba pechado…
Lalín conta con persoeiros tan ilustres como Laxeiro: Xosé Otero Abeledo.

En 1984 o ex presidente da Arxentina Raúl Alfonsín visitou estas terras habida conta de que os seus avós son de Casaldernos, Alfonsín é o neto de Serafín. A vila está irmanada coa cidade na que naceu o ex presidente: Chascomús. De Lalín tamén era Cuiña, quen, como non comungaba coas rodas de muíño de Rajoy and company, foi ‘vilipendiado’ polo seu propio partido!

Texto e fotos: Fina Roca