Anotacións do mes Agosto, 2007
Coches mal aparcados 2…
Mércores, Agosto 22nd, 2007Viveiro…


Viveiro 2007. Coches aparcados no acceso principal ao paseo fluvial do río Landrove e no propio paseo, onde o muíño converteuse nunha horrible casa…
E no atrio de Santa María está sempre o coche do crego, e dos amigos…
agosto 2007

Na rúa Pastor Díaz ás tres da tarde. En Viveiro non hai hora para o reparto. Na zona peatonal hai que sortear os coches a todas horas. Xa houbo que lamentar unha desgraza coa máquina limpadora, que matou a unha muller nesta mesma rúa e non escarmentan. De feito hai coches que entran na rúa por comodidade, para subir unhas caixas de peixe á casa, sen permiso, claro! O todo vale vainos dar un disguto.
Naseiro 2007

Ao coche negro levouno a grua…
Ver nesta mesma páxina outra páxina sobre Coches mal aparcados 1
Podedes mandar fotos sobre este tema, prometo publicalas e se queredes co voso nome e apelido. Fina Roca
Viveiro excelencia turística 2…
Martes, Agosto 14th, 2007Celeiro, a procesión marítima…
Sábado, Agosto 11th, 2007Celeiro é un porto galego, da mariña luguesa (VIVEIRO), cunha flota pesqueira moi importante, onde habería que borrar do mapa as construccións salvaxes e un varadoiro que fixeron na praia co seu chorreo continuo noite e día. Un lugar ligado a pesca e industria conserveira, onde o alcalde da quenda e Costas, foron capaces de desfacer unha praia, a de Lavandeiras, para facer unha piscina cuberta. Os habitantes de celeiro chámanse popularmente os chilindrís. Con todo o pobo é un encanto e garda as súas tradicións, tal como a procesión marítima de Celeiro, como colofón das festas patronais en honor de Santiago e Santa Ana, que duran seis días. Pero, a procesión non é en honor dos santos patróns senón da virxe do Carme. Engalanan o percorrido da imaxe con alfombras de flores. A procesión realízase en dúas etapas. O día 28 de xullo trala misa solemne (7 e media da tarde) baixan a Virxe dende a igrexa parroquial ata a lonxa, facendo parada e fonda na Casa de Saleta para escoitar a Salve Mariñeira e diante do monumento ao náufrago do escultor viveirense Neira Broch. Contra as doce da noite entra na Lonxa de celeiro entre cantigas, pétalos de rosa e Vivas: Viva a Virxe do Carme e viva Celeiro…
Ao día seguinte, as once da mañá sae da lonxa para embarcar e face-la procesión marítima entre foguetes e sereas. Tódolos barcos están engalanados de proa a popa, agás o barco portador (O Anxuela) que estaba de loito pola recén morte do seu patrón, levaba abandeira a media asta e non tiña o código marítimo de bandeiras e gallardetes.

Os chilindrís asocian as festas coa bandeira nacional! Pasan da galega! Só ondea en algún barco e casa. Nin na Igrexa nin na procesión, nin no barco portador, que este ano foi o Anxuela, non ondeaba a bandeira galega…

Velaquí a bandeira nacional por doquier…
A procesión marítima de Celeiro:


A Virxe do Carme no momento de embarcar e O Bautista Pino acompañándoa en procesión. É costume xeralizada almorzar nos barcos invitados polo armador. O Bautista Pino estaba capitaneado por Francisco (Paco) López Fernández…
A familia Pino e amigos dentro do barco o día da procesión marítima


A travesía no barco foi inenarrable e inesquecible. Difícil de explicar o que se sinte cando pasas a bocana da ría, en procesión, seguindo ao Anxuela, nun arrastreiro…

A procesión atrae a diversos persoeiros, como o mindoniense Manolo Montero Rego, vestido de bispo. Disque foi o libreiro de cámara de Álvaro Cunqueiro, o inspirador do mago Merlín. As monxas do asilo, Sor María e sor Josefa, tampouco quixeron perder pancada da procesión marítima, son de Ourense i encántalles navegar:

Texto e fotos: Fina Roca
Caldeirada de raia…
Mércores, Agosto 8th, 2007A raia é un peixe cartilaxionoso moi rico e, anque non é o seu mellor momento de comida, como hai abundancia na praza e vai barata, convén mercala e facela de varias maneiras…
http://es.wikipedia.org/wiki/Rajiformes
Segundo o refraneiro <<A raia en xaneiro é como o carneiro>>.
Convén mercar unha raia grande de varios quilos (tres ou catro) e pedirlle ao pescadeiro que cha limpe e corte, para caldeirada e para fritir:

Raia enteira e cortándoa en fresco.
Caldeirada de raia para catro ou seis persoas:
Ingredientes: Oito talladas grandes de raia, os cercanos á boca. Catro patacas grandes, unha cebola e un tomate, grandes, un pimento roxo, unha cabeza de allo, pirixel, un puñado de chícharos (guisantes frescos) aceite de oliva, vinagre, sal, pimentón doce e unha folla de loureiro…
Modo de facela:
1º) Adoba-la raia unha hora antes de facela con sal, allo e cebola picada, pirixel e unha folla de loureiro.
2º) No fondo dunha tarteira grande poñer no fondo unha capa de patacas cortadas en rodaxas dun dedo de grosor, unha de cebola cortada do mesmo xeito, outra de tomate e un pemento roxo cortado en tiras. Cubrir con auga fría, -só cubrir-, e un bo chorro de aceite de oliva. Poñer ao lume e deixar cocer. Cando as patacas case van cocidas bota-la raia por riba e mailos guisantes, e darlle dous fervores. Escorrer e reservar unha cunca do caldo de cocer.
3º) Facer un sofrito: Nunha tixola botar dúas cucharadas sopeiras de aceite de oliva, sofreir os allos, separar do lume e botar unha cuchara de pimentón, un chorro de vinagre de viño e unha folla de loureiro. Engadir o caldo rereservado e cobrir a caldeirada, movendo todo pero agarrando a pota polas asas, meneandoa…
A parte máis finiña, a das aletas, está riquísima fritida en abundante aceite de oliva. Abonda con enfariñala un pouco e deixala churrascar na tixola. En empanada a raia é un manxar exquisito, pero tamén en salpicón, cocéndoa previamente.
Pode conxelarse en fresco…
Que vos aproveite!
Texto e fotos: Fina Roca
�
Os percebes…
Martes, Agosto 7th, 2007O percebe é un crustáceo que sabe a gloria bendita! Crece nos cantís, na mar batida e a súa pesca resulta difícil e perigrosa. Actualmente hai tantas mulleres coma homes dedicadas a este tipo de pesca. Nunca me parecerán caros, e non coñezo a ninguén que se intoxicara con percebes. Imposible! Non se perden! Non ho! Non lle damos tempo…
Só o petróleo do Prestige acabou con eles. Pero se recuperaron, grazas a Deus…
http://gl.wikipedia.org/wiki/Percebe
Os do Roncudo teñen moita fama, pero os que se pescan nos acantilados de Cedeira son boísimos, como o resto das costas galegas onde a mar sabe a mar. Na vila mariñeira de Cedeira veñen de celebra-la undécima edición da festa do percebe, pero podemos comelos perante todo o verán.
Propoño un paseo cara a lonxa de Cedeira para ve-los percebes e resto de peixe, anque ao estar informatizada perdeu parte do seu encanto…
Camiño da lonxa de Cedeira:

Xardín i estrada que levan á lonxa. A medio camiño atopamos o monumento á muller do pescador: << A Confradía de Cedeira á muller do pescador. No traballo e na vida compañeira... Agosto 1985>>
Dende o devandito monumento observamos a Lonxa:

Os nenos gozan no medio do xelo dos barcos mentres un vello mariñeiro observáos…

No interior da lonxa de Cedeira…
E chegan os percebes:
Que ricos! Cómo se fan os percebes?
Os percebes fánse sempre cocidos! Lavalos e quitarlle o cascaballo (todo o que se lle pega). Logo hai que botalos nunha tarteira ou pota cunha boa presa de sal e auga que os cubra, un dedo aproximadamente por riba dos percebes. En frío! Déixadeos que fervan. Tan pronto levanten o fervor apagade o lume, escorrer toda a auga e servir nunha fonte tapados cun pano blanco, para que se segan cocendo coa súa propia calor. O de botarlle ou non unha folla de loureiro depende do gusto de cadaquén, a min gústanme con e sen loureiro.
Unha antiga receta, moi mariñeira, é acompaña-los percebes con cachelos (patacas cocidas con monda). Estes días os percebes medianos, que están moi ricos, van a 35 euros o Kg. Pero os bos, os grandes, superan os 100 euros. Se podedes pagarvos un capricho, adiante! Pero os pequenos están tamén moi ricos, saben a mar e quitan o gusaniño…
Que llo pregunten ao mariñeiro que está amarrando a chalana preto das casas dos mariñeiros, casas para coser redes e gardar aperos, pero parecen chalés:
Texto e fotos: Fina Roca
�
Os Roca en Cedeira…
Venres, Agosto 3rd, 2007Cedeira é unha das vilas máis tranquila das que coñezo. Cando era nena adoitaba ir de camping con toda a familia, acampando nun solar do Pucho, na praia, onde hoxe en día está o paseo marítimo e cabaña de Maribel. Que ben o pasabamos! Íamos todos os Roca, tíos, curmáns e resto de familia. Nós tiñamos unha caseta de madeira, a caseta de Oliva, con camas, liteiras e unha fiestra con cortinas coquetonas. A cociña era unha tenda de campaña e a ducha unha lona con regadeira. A auga colliamola da fábrica de madeira do Pucho cunha goma colgada das árbores. Hoxe en dia, onde estaban as fábricas, o Pucho, fixo un edificio de apartamentos. O Postineiro botaba a rapeta tódolos días e nós axudabamos a tirar dela. Meus pais seguen a veranear en Cedeira, pero non de camping, nunha casiña do Camiño Real da praia da Magdalena, miña nai segue a botar en falta a caseta e mailo camping. Moitos membros da familia Roca acabaron mercando un terreo, ou unha casa, nas zonas cercanas ás da acampada.
Meu pai, César, ven de cumpli-los 84 anos e, o seu irmán, Pepe, achegouse ata Cedeira para felicitalo cos seu fillos e netos: os Roca Bordello. A miña curmá, Loli, veu dende Murcia coas súas fillas para felicitalo!
Os patriarcas, César e Pepe Roca Golpe, e as súas donas, as matriarcas Oliva Díaz e Otilia Bordello, observando ás novas xeracións da familia:

Na casa dos meus curmáns:

Velaqui reunida a familia onde outrota tiñamos a mesa de madeira e unha barbacoa: Oliva e Otilia sentadas no banco…

Afortunadamente non tiraron as árbores anque a fonte está sempre moi cocha i espanta á vista. Comimos na Revolta, porque Luís, o seu dono, sempre nos tratou moi ben e coñecemonos dende sempre, mesmo foi o pescadeiro, en Ferrol, da miña tía Otilia, pero fai tempo que se dedica á Hostelería:
Na Revolta (Cedeira) celebrando os 84 anos do patriarca da familia ROCA:

César Roca observando a praia da Magdalena e mailo río dende o paseo marítimo de Cedeira:
Felicidades César!
Paga a pena visitar Cedeira, facédeme caso, visitádea agora que ven a feira do percebe:
http://www.cedeira.org/galego/index.html
Texto e fotos: Fina Roca