O entroido coruñés…

E.016.jpg

Entroido coruñés. Domingo 18 de febreiro de 2007…

   

        O desfile do carnaval coruñés, dende a praza de Ourense ata a de María Pita, estaba anunciado para as cinco da tarde, pero a esa hora só estaba a xitana vendedora de globos (foto nº2) e algún que outro neno disfrazado, ou familias. Pouco a pouco fóronse xuntando as carrozas, comparsas e murgas no malecón, empezando a desfilar ás seis e media da tarde. En María Pita había dous palcos horrorosos, caixóns con rodas cubertos de plásticos negros, rodeados de focos e altofalantes, preparados para recibir a orquestra París de Noia...

Concentración no muelle

Fotos e texto: Fina Roca

O desfile de Entroido contou cunhas 20 carrozas e máis de 50 comparsas.  Cando a raiña do entroido (foto nº 1 da concentración)  e as súas damas entraron na praza de María Pita, mortas de frío, -ían case espidas como se estivesemos no Brasil- a derradeira comparsa, a do homenaxe a Mozart, aínda estaba no muelle preto da Casa do Mar sen moverse. Animación non faltaba, pero botábase en falta a orixinalidade. Repetíanse as parodias á Pantoxa e ao seu noivo, Pachulín, vacacións marvellís en Alaurín da Torre, construcións Cachulín. Os Pitufos de sempre. Chulaponas a mazo, Travolta. O super depor e Paquiño Vázquez baixo palio rodeado da garda suíza. Animais prehistóricos, budas, cubanitos, cabaliños, hindúes etc. Cabe subliñar a vistosidade das comparsas hispanas cos seus traxes rexionais, especialmente a boliviana. Faltaban  chinos, quizais, porque os establecementos chineses eran os únicos que permanecían abertos o domingo de entroido, forráronse vendendo todo tipo de disfraces e perrucas, amén de petardos. Os chinos non teñen dereito ao descanso semanal, de aí ven a frase, traballan coma chinos, que fai anos superou a de traballan coma negros

O parque de Oza…

O camiño do Corgo, A rúa monte, Hortas en Oza 004.jpg O camiño do Corgo, A rúa monte, Hortas en Oza 008.jpg   

O camiño do Corgo, A rúa monte, Hortas en Oza 0123.jpg O camiño do Corgo, A rúa monte, Hortas en Oza 0402.jpg

A Coruña…

Hortas no Camiño do Corgo…

Como prometín hai vai a TERCEIRA entrega do parque de Oza…

O camiño do Corgo (foto nº 3) é unha antiga corredoira que comunica a travesía de Monelos co rúa Montes e o instituto de Monelos, de feito é o atallo máis utilizado polos estudiantes, xa que o camiño da Igrexa está cortado á altura da rúa Joaquín Galiacho. No medio do camiño hai unha fonte de pedra con auga fresquiña e rica, abandonada polas autoridades e tomada polos ionquis. Outrora subían polo camiño os carros tirados polos bois e bebían nesta fonte. Disque Foucellas, veciño do lugar, tamén o facía…

 A ámbolás dúas márxes do Corgo, hai casas con solana, de baixo e pranta, típica arquitectura galega, ou colonial (foto nº 6, antigo Reformatorio da Coruña) cos seus hórreos, parras, figueiras, hortas, galiñeiros e cadras, unha forma de vida moi tradicional e san, na cor da cidade, que están a destruir coas súper máquinas para facer uns xardíns italianos, franceses, japoneses e, naturalmente, urbanizacións de super luxo.

Que barbaridade! A lei do cemento vai acabar connosco…

Entre o Camiño do Corgo e a Igrexa de Monelos hai coidadas hortas dunha riqueza extraordinaria, na que non faltan os pozos artesáns, leitugas, nabos, flores, pepinos.., nin as galiñas que andan soltas comendo nas verzas que colgan dun pau (fotos nº 1,2,5), os homes e mulleres que se dedican ao cultivo de productos hortícolas, ecolóxicos, son maiores, jubilados, que teñen alugado un cacho de terreo dende tempos inmemoriais, non comercializan os productos, son para o consumo propio; están tristes, moi tristes, dende que veron aparecer as máquinas na parte baixa do parque, máquinas que acaban co seu habitual entretemento e alimentos diarios…

Para que? Para facer un xardín ‘xaponés’…

Que barbaridade!

Seica non quedan políticos con sentido común neste país?  Anxo Quintana vai de defensor dos maiores, nos bailes, claro, cal Manuel Fraga, pasando olimpicamente das hortas e xubilados. Das dereitas é mellor no falar, só lles interesa a sua facenda e saír na televisión… E que dicir de Losada? O delfín de Paquiño Vázquez que, tamén, anda de baile e baile cos xubilados/as, con cara de bobo, como Quintana, pasando das hortas e leiras. A ámbolos dous só lles interesa saír na foto… 

Ter hortas nas ciudades é un luxo ao alcance de poucos! Non debemos desfacernos delas, hai que potencialas, subvencionalas e mimalas polo ben da humanidade. Nun parque de nova creación, como o de Oza, non deben cortar ningunha árbore dos existentes, nin desfacer as hortas. Sería unha gozada poder pasear polo devandito parque, falando sosegadamente cos labregos/as, tal como facemos agora, e ver os productos do campo en directo, un repolo por exemplo, pirixel…

As hortas resultarían máis baratas e rentables cun xardín xaponés, que nada ten que ver coa Galicia. Bastaría con vontade política e unhas cabañas de madeira, ou de cemento, para gardar os trebellos de labranza. De seguro, que os xubilados  estiman máis as hortas ca petanca. Fina Roca

(Nota: ver artigos anteriores sobre Oza nesta mesma páxina)  ?

Cisnes na ría do Burgo…

avi.04.jpg   

avi.o6.jpg avi.02.jpg    

Na coruñesa ría do Burgo hai moita merda, pero tamén hai cisnes como se pode observar nas fotos…

Mentres o avión está a piques de aterrar en Alvedro, dúas parellas de maxestuosos cisnes se pasean pola ría do Burgo con cara de fame. Por regra xeral están sempre á altura do paraugüas, entre o Burgo e o Temple, nadando entre ámbalas dúas marxes. Chegaron hai 15 días, brancos, moi brancos, pero agora teñen cor marrón, están cochos, como as augas da ría…

Algo haberá que facer, non si? Fina Roca…?

As Orellas de Entroido…

As orellas de Oliva… 

As orellas hay que facelas para que duren tódolos días de Entroido, de xeito que, se ven alguen a visitarmos, teñamos con que celebra-la festa. Convén facelas entre dúas persoas e colcalas nunha cesta de vimbio plana cuberta por un pano branco, das que utilizamos para planchar, para que non se rompan…

A receta é familiar, do Barqueiro, herdada da tataravoa, miña nai as borda, de aí que lles chamemos as ORELLAS DE OLIVA

INGREDIENTES:

-12 ovos caseiros (fundamental) / 2 quilos de fariña (reservar 250 gramos para espolvorear a mesa de traballo i engadir á masa) / 2 litros de aceite de oliva, como mínimo, para fritir as orellas / dous paquetes pequenos de ROYAL (levadura) / 150 gramos de manteiga (mantequilla) / unha botella de medio litro de anís a Asturiana (usar algo máis da mitade, 3/4 partes aprox.) / unha cunca de leite do tempo / un vaso de auga do tempo / as raspas dun limón grande e sal…

FORMA DE FACELAS: nun bol grande bate-los ovos i engadi-lo resto dos ingredientes, menos a fariña, mesturando todo pouco a pouco / Engadir unhas areas de sal fina / Bota-la fariña, mesturándoa co resto dos ingredientes ata que teña consistencia de masa. Cando xa teña consistencia, bótase na mesa de traballo, enfariñada, e amásase, botándolle fariña pouco a pouco ata que a masa non se pegue nos dedos / Déixase repousar cuberta cun pano branco, dúas horas como mínimo…

Pasado o tempo de reposo córtase a masa en cachos pequenos, estíranse cun rodillo (estiradísimas, moi finas) de 12 en 12, para que non se apelmace a masa e dea tempo a fritilas en abundante aceite, nunha tixola grande ou nunha tarteira idem, de maneira que a masa poida crecer ás súas anchas, volta e volta. / bota-la sucre (azúcar) tan pronto como se quitan da tixola, unha a unha…

TRUCOS PARA QUE A MASA QUEDE FINIÑA, QUE SE DESFAGA NA BOCA: fritir unha cunca de aceite, reservala e deixala enfriar. Antes de fritir as orellas, no momento de botalas na tixola, untade a masa estirada, unha a unha, cos dedos impregnados nese aceite, ou pasarllo cun pincel, pouquiño a pouco, para crear esa película, que se desfai na boca…

OUTROS TRUCOS: A mesma masa tamén serve para facer as rosquillas e, incluso, as filloas, basta con deixala masa solta como se fose unha crema pasteleira…

Que aproveite! Fina Roca.

 

O Entroido en Galicia, Entrudo en Portugal…

O Entroido

A festa do Entroido ten as súas orixes nas saturnianas latinas e na Grecia Antiga coas celebracións en honor a Dionisio, deus do viño e  transformación, que sometía aos seus feles a todo tipo de excesos. No seu honor facíanse desfiles en lanchas con rodas empuxadas por unha recua de sátiros (seres mitolóxicos con cara humana e pes de carneiro) e por homes e mulleres espidos, enmascarados, que incitaban a beber, danzar e foder. En Roma, había a mesma festa  en honor a Baco, nome latino de Dionisio… As Saturnianas se celebraban en honor a Saturno, Cronos para os gregos. os escravos disfrazábanse de amos e señoras, desfilando e danzando polas rúas reivindicando liberdade e igualdade.

Os cristiáns fan súa a festa nos séculos XIV e XV. En Galicia e Portugal  celebraban banquetes pantagruélicos para desquitarse da Coresma, coñecidos como Entroido en Galicia i Entrudo en Portugal: entrada ou introducción á Coresma xa que coarenta días despois celebrábase a Semana Santa. Portugal exporta o entroido a Brasil no 1723, o carnaval, durante catro días e noites, a música invade todo a rimo de samba,  da herdanza musical dos escravos africanos.    

 A primeira referencia literaria do Entroido, en castelán, aparece no Libro del buen amor (s.XIV), de Juan Ruíz arcipreste de Hita, la lucha de don Carnal y doña Cuaresma, irónica e sagaz lea entre animais marítimos e fluviais (exército de dona Coresma) e terrestres (exército de don Carnal) na que se  parodian os excesos de don Carnal, fronte ás falsas virtudes de dona Coáresma, unha ambiciosa e ponderada dama cristiá….

  O Entroido comprende un tempo de festas licenciosas no que está permitido todo, relacionadas coas festas do demo e estacións, celebrando o fin do inverno. Choqueiros, comparsas, entroidadas e regueifas son os compoñentes esencias da festa, xunto co lacón con grelos e doces tradicionais: filloas, orellas, chulas, flores e torradas. Choqueiros e comparsas están obrigadas a se meter cos sistemas políticos e relixiosos establecidos, de aí que, en España, suprimiran o Carnaval en numerosos períodos históricos, con Carlos V, Felipe II, Carlos IV  e  Franco, pero sen resultados positivos, seguiu a celebrarse nos clubs privados e aldeas coa complicidade dos alcaides e da propia garda civil.

Os bailes de máscaras foron  importados de Francia, e prohibidos por Felipe V de 1716 ao 1745; as caretas son importadas de Venecia (caretas venecianas). O  apoxeo dos bailes de entroido foi no século XIX, que é cando se populariza as festa, tanto en Galicia como Madrid, Cádiz e Canarias, o carnaval Canario é dos máis importantes de Europa, tamén se populariza o enterro da sardiña, que  comeza cunha procesión burlesca na que se parodian as cántigas e cerimonias eclesiásticas, para acabar enterrando a sardiña e as súas variante, como: o Meco, persoeiro burlesco e legendario, ao que lle botan as culpas de todo, que ven ser o Momo coruñés, castelanización do meco: cousas do ex alcalde Paquiño Vázquez e do seu delfín Losada…

En Galicia consérvase íntegra a festa, incluso, celébranse as vésperas co venres de comadres, sábado de compadres e domingo fareleiro, oleiro ou corredoiro. Rober Schuman compuso (1835) un concerto para piano, o Carnaval, no que se mesturan os persoeiros da comedia del’ Arte coas situacións pantasmagóricas, que reflicten moi ben o inicio dos bailes de carnaval.. Os Entroidos con maior tradición son os de Verín, Xinzo de Limia  e Laza, onde destacan os Cigarróns, disfrace , que se caracteriza por levar na cabeza un tricorne, do que pendura unha pelica de carneiro; o tricorne leva carauta de madeira tallada, pintada co sol e  lua; completa o vestuario un chaleco bordado, un calzón curto con borlas, unha faixa e un cinto do que colgan varias chocas que ocasionan gran ruído ao andar. Pantallas, caretas pintada, os peliqueiros, propios de Laza e Verín (Ourense) que se caracterizan por levar un traxe moi vistoso e unha carauta, que se prolonga na parte superior cunha especie de mitra, adornada con símbolos animais (serpes, cabalos, leóns) ou astrais, semellante aos cigarróns…

 Luís Tobío e Neira Vilas son as mellores referencias históricas e literarias do entroido galego do século XX. Tobío nas Décadas (pax. 42 )  describe o entroido viveirense: “todo era latricar, rir, cantar, bourear, beber e xantar larpeiradas, orellas de frade, freixós, pasteliños de nata, chulas, torradas, flores. As comparsas desfilaban polas rúas, cantando coplas con alusións e sucesos da vila, vellas habaneiras e valses que estaban de moda: Ven dueño mío, ven que mi alma te añora. O disfrace máis usado era o de Pierrot con violín, fronte ao do dominó, que tanto predicamento tivera nos tempos románticos. Os Pierrots con mascaritas, aflautando a voz,  metíanse con todo o mundo, publicando segredos e historias. O día culminante era o martes de entroido, de aí o dito ‘non todos os días do ano son martes de Entroido”. Os nenos disfrazábanse de chulas madrileñas e galáns románticos ou de choqueiros con calquera cousa. A festa remataba co enterro da sardiña, que era de moita risa con aquel arremedo que se facía das cousas máis respectables e santas, quer da igrexa, quer das autoridades, co desfile do enterro e o falso crego a botar un sermón cheo de chistes e alusións, e aqueloutros de comer chourizos colgados dun penico cheo de viño branco. Hoxe en día, en Viveiro, o enterro da sardiña comeza ás 10 da noite, preside o acto un meco sentado nun barril  de viño, detrás do barril, van as plañideiras (homes vestidos de negro con mantilla española, e mulleres ídem) consoladas polo bispo de Mondoñedo e polo alcalde, detrás das plañideiras vai o pobo, todos cubertos cunha saba branca, cal ánimas en pena da Santa Compaña cunha vela acesa, ou un fachón, parodiando a procesión de Semana Santa, advertindo do que lles espera cando enterren o entroido. Polo medio das filas van os augardenteiros, repartindo viño,  facendo parada e fonda en tódolos bares da vila… 

Neira Vilas, en Memorias dun neno labrego fai unha análise con ollos de neno do tempo de tolear (entroido) e do tempo de chorar (coresma). O carnaval é contado desde a fiestra dunha vella casa de aldea, por un neno, Balbino, que está de loito por un tío das Américas…<> Fina Roca

O parque de Oza, A Coruña. Antes e despois…

parque de Oza 0021.jpgparque de Oza 018.jpgparque de Oza 015.jpgparque de Oza 013.jpgparque de Oza 002.jpgparque de Oza 001.jpg

Nas fotos vése claramente o antes e despois de entrar as paleadoras, que acabaron con todo…

O alcalde da Coruña, Javier Losada, delfín de Paquiño Vázquez, ven de inagurar o Parque de Oza, no que pretende introducir varios modelos de xardíns, entre eles o xaponés…

Non se entende que metan as máquinas, arrasando con todo e facendo un desmonte a esgalla, existindo, como existe nesta zona un auténtico verxel, un monte autóctono con loureiros centenarios e piñeiros, no que non faltan castaños e noceiras,  especies exóticas, bambú, araucanas, camelias, magnolios, palmeiras, castaños de indias. Unha flora e fauna incrible e imposible de recuperar se se perde. Tordos, merlos, pombas salvaxes, cucos, mouchos, entre outras moitas aves, niñan por estes pagos. Abondan os lirios silvestres, blancos e amarelos, os cogumelos, romero, nébeda, menta, tarais…

Que barbaridade! Incluso o parque está cheo de parras centenarias, que dan ricas uvas, limoeiros, laranxeiras, figueiras e árbores frutais, cuxos froitos recolectan libremente os veciños da zona…

Que deseperación de máquinas! Que desmedida ambición…

Xardín inglés, xaponés, francés? Para qué? A costa dun bosque galego? Por favor…

Nos claros do parque hai hortas e leiras atendidas garimosamente por persoas maiores, homes e mulleres de sacho no legón. Da xenio velos ao coidado de flores de todo tipo, leitugas, tomates, xudeas, árbores frutais…

Os xubilados reúnense tódolos días ao redor das hortas situadas tralo atrio da igrexa de Monelos, detrás do IES do mesmo nome…

Noutros países, en Alemaña e Francia concretamente, nas cidades, subvencionan a quen quere cultivar certos espacios públicos, pero aquí acaban con todo, cando sabemos que se pode compaxinar. Ata os vándalos, alias cultura do botellón salvaxe, respectan máis as hortas e xardíns públicos cas paleadoras. Os labregos xubilados prefiren cultivar unha mada de grelos, antes que xogar á petanca…

O parque de Oza coas súas numerosas fontes de pedra labrada só necesita unha limpeza a fondo, deixando libres os sendeiros e corredoiras naturais…

Que non nos vendan a moto! Van facer un parque, para abrirlle camiño ás inmobilarias, para legalizar as urbanizacións que xa están en marcha.

Mágoa de parque natural…

Seguirei coa miña teima, foto a foto, co que había, co que hai e co que van facer, e coa foto do depredador de quenda..

Eu non vou votar a ningún político que me cambie unha fraga galega por un parque xaponés, tal é o caso de Oza… 

Ánimo coleguiñas, facede o mesmo hai que acabar coa Lei do cemento! Fina Roca.

Apagón xeral

Para facer un chamamento mundial ante o cambio climático, un grupo de ecoloxistas franceses, secundado pola ONG Amigos da Terra, propón para hoxe entre as 19.55 e as 20 horas, un apagón eléctrico, ao que nos sumamos as blogueiras galegas entradas en anos. Fina Roca.