A Multinacional estadounidense ALCOA e a súa Santa Alianza: a Fundación Alcoa…

 

A multinacional Alcoa, líder mundial da fabricación do aluminio, con centros de producción en 37 países, entre eles España, participa en tódalas fases da Industria: tecnoloxía, minería, refino, electrolisis, fabricación e reciclado. 

O presidente mundial de Alcoa, Alain Belda, ven de anunciar o despido de 6.700 traballadores para aforrar 125 millóns de dólares en impostos, logo de traspasar a meirande parte das factorías ao grupo noruegués ORKALA: o maior productor de silicio do mundo..

Disque a causa real da estampida radica na subida do 30% da enerxía eléctrica e na aprobación en España do Plan Nacional (PNA) de Emisión de Gases de Efecto Invernadoiro para 2008-2012, segundo o Protocolo de Kioto

Os sindicatos maioritarios fanse os despistados, calan, cando a multinacional con sede nos EE.UU non descarta ‘axustes’ nos cadros de persoal das factorías españolas, incluídas as galegas de Sabón, Arteixo e San Cibrán, onde os niveis de contaminación son tan alarmantes, como en San Juan de Nieva, Asturias, onde teñen instalada a maior fábrica de zinc electrolítico do mundo…

 

Outrora, os Comites de Empresa, solucionaban os problemas con asambleas e folgas, agora, reúnense cos comités europeos en hoteis de cinco estrelas, a gastos pagos pola Patronal, e adoitan recorrer aos eufemismos para evita-la alarma social, segundo as consignas da globalización.  Ao peche das empresas chámanlle reestructuración, axustes ou reconversión industrial; ao despido libre, regulación de emprego, á evasión de impostos FUNDACIÓNS, e a folga xeral, paro. Mais, se a bolsa baixa, é que ten unha evolución descendente…

Para evitar problemas políticos, as coalicións de familias archimillonarias, alias multinacionais, recorren as FUNDACIÓNS e VOLUNTARIADO, creando a base de regalos interesados unha dependencia real das Institucións públicas.

 A FUNDACIÓN ALCOA dedícase a subvencionar Programas altruistas, caros ou de non máis de 6000 euros, e a plantar arboriños para lavar a conciencia da multinacional, xa que está a desforestar o planeta abrindo novas empresas altamente contaminantes, para as que se necesitan máis de de 50.000 Hectáreas. É tal a hipocresía desta fundación, que se deita dos centros educativos públicos, ou calquera outra institución que administre a miseria, para evadir impostos e facer propaganda de balde de se mesma co visto bo das autoridades políticas, acompañada sempre dun sospeitoso voluntariado á americana, que se pasea polos centros públicos co buzo e mailo logo da empresa privada… 

O caso é saír na foto! Entendo que os lambecús queran codearse cos executivos de Alcoa, pero non entendo que o bipartito galego (socialistas + nacionalistas) ceda os centros educativos públicos ás fundacións privadas sen consultar o parecer do Claustro de Profesores, dando unha información equivocada ao alumnado da ESO, Bacharelato e FP… 

A Consellería de Educación está a venderse por un prato de lentellas! O procedemento é moi sencillo: a Fundación ofrece unha máquina, unha cadeira de rodas, catro ordenadores portátiles, unha viaxe de balde, un premio en metálico, ou os materiales necesarios para axardinar unha zona, a cambio da propaganda: a foto dos alumnos prantando árbores con algún executivos ou voluntario de Alcoa. Inspectores educativos ou Delegados saíndo na TVG interesados na exposición da reciclaxe dos embases de aluminio, ou a Xunta Directiva dun centro de Infantil, Primaria ou Secundaria, departindo amigablemente cos inxeñeiros e conferenciantes de Alcoa… 

Por exemplo! A próxima semana no IES Urbano Lugrís de A Coruña, traballadores de Alcoa van colaborar na plantación de árbores, dando unha morea de conferencias na aula magna do instituto para fomenta-la educación medioambiental dos estudiantes. Logo haberá ágape na Biblioteca ao que non está invitado o Claustro de Profesores: tampouco lle consultaron o seu parecer sobre o evento e iso que teñen empapelado o instituto e bisbarra co logotipo de Alcoa, cousa que non comparten moitos profesores e profesoras…

 A min, todo isto de Alcoa recórdame a omnipotente saga da Fundación de Isaac Asimov, e tamén a Fundación do dramaturgo Buero Vallejo: un inmenso mundo de emocións de ciencia ficción e da realidade existente…

Ata sempre amigos e amigas! Grazas por me leer en Bélxica, Portugal, México, nas Seycheles e nas Hispanias. Fina Roca.

Eleccións sindicais no ensino público. Infantil. Primaria e Secundaria…

Ollo ao dato! O vindeiro 30 de novembro hai eleccións sindicais no ensino público, mal chamado ‘non universitario’, habida conta de que todos os profesores/as pasaron pola universidade, agás as bellas grorias de FP: expertos, mestres de taller, antigos peritos, que van de enxeñeiros superiores e obstentan grado de catedráticos; os mandamais dos IES cos seus horarios privilexiados, avaliados polas Centrais Sindicais maioritarias e Inspección da quenda…

Os Ciclos de FP, masculinizados por razóns históricas, empezan en outubro e acaban en maio, fronte a Primaria, ESO e Bacharelato, que ao estar feminizados (máis profesoras ca profesores) empezan un mes antes e rematan trinta días despois. Os Sindicatos calan…

 No meu centro impártense Ciclos Medios e Superiores de FP, ESO e Bacharelato. Un ano si e outro tamén, os mellores horarios pertenecen a un grupo minoriatario dos Ciclos Superiores de FP e Bachareleto. Tanto ten quen mande! Estes tíos e tías sempre se arriman ás Xuntas Directivas nomeadas a dedo pola Consellería de Educación, para manter os seus privilexiados horarios. Os lambecús, trepas e caudillos… 

Hai certo sector do profesorado que nunca fixo unha garda, nin unha titoría, nin ten un oco entre clase e clase! É dicir que entran as 8:50 e rematan a xornada laboral ás 12:50. Cando non teñen dous días a semana sen ningunha hora lectiva, ocupados con ‘cargitos‘, sen formar parte da Xunta Directiva… 

Confeso que, como funcionaria en activo da categoría A con 35 anos de servizos prestados, a piques de prexubilarme, tiña certa esperanza en aquilo de ‘Móvete Touriño’. Pero que va! Touriño non da arrincado, vai máis lento co coche de liña de Viveiro…  

No ensino estamos igual ca antes, con Fraga + Currás. Non se nota o cambio para nada, porque non hai cambio! Consolídanse as mamonadas precedentes. Seguen os mesmos cans con distintos colares. Demonizan aos profesores/as, que cren no que fan, colgándolles o San Benito de conflictivos, moscas colloeiras, vagos ou maleantes, e suben aos altares aos que non rascan bola, coa desculpa de que colaboran coa Dirección e votan sí a todas as súas propostas anque ronden a ilegalidade…

 Xa se sabe!

Quen ten maior carga horaria son os interinos e os funcionarios/as que non comungan con rodas de muíños. É o prezo que hai que pagar por ser libre e independente…  

Na profesión, como na vida, quérenos mudas e submisos! Comigo van de cachas! Nunca me asustaron os inquisidores, nin sequera os promotores inmobilarios, para canto máis os novos caudillitos e caudillitas democráticas nomeadas a dedo! Non teño reparo algún en plantarlles cara e así me vai. Pero, como me gusta o meu oficio, podo sobrevivir á estupidez humana… 

Se o propio goberno non se atreve a quita-la materia de Relixión de oferta obrigada ou mandala ao ábano das optativas, para non cabrear aos privelexiados varóns da Conferencia Episcopal, que viven a corpo de rei nos pazos arzobispais, pois, non é de estrañar que os inspectores ‘educativos’ do bipartito galego e os representantes sindicais, que son os mesmos/as que había antes de que socialistas e nacionalistas chegasen ao poder, pasen dos horarios e do cartel de ‘Medellín’ dos centros educativos.

No meu IES os horarios xeraias fíxeronse públicos por Santos e Defuntos! Como para facer un magosto con eles! Estiveron facéndoos e desfacéndoos ata que quedaron a gusto dos gurús de sempre. Hai xefes de departamentos casi unipersonais (con só dous profesores) con 9 e 10 horas lectivas, para quen inventaron cousas como ATS, REP, FCTC, MAN, MANT, EX ou PEN : non se sabe que significan algunhas siglas. Pero si sabemos que no están regulados como cargos orgánicos, como tamén sabemos as horas que ‘desgravan’ por cada cargo, xefatura de departamento ou titoría, pero, segundo o Xefe de estudios de diurno as/os profes que responden a ese raro patrón de acrónimos e siglas, están a quitarlle as castañas do lume á directora (que non da clases) xa que traballan sábados e domingos. Vamos! Como os chinos que descoñecen o descanso semanal…

Espero que os Sindicatos tomen nota, agora que estamos en campaña electoral. Se algunha candidatura desfai esta desfeita, votareina e pedirei o voto para ela…

 

Máis aínda, o Xefe de Estudios de nocturno, que libra 15 horas por cargo, NON DA UNHA SOA HORA LECTIVA, NIN FAI UNHA SOA GARDA NO NOCTURNO. Pero hai xefes de Departamento, que mandan no diurno e nocturno, que libran máis que calquera cargo directivo… 

Denunciar os privilexios e desigualdades nos centros educativos públicos, coido, que é un acto nulo de pleno dereito, porque ninguén fai caso das denuncias do profesorado, pero, como é tan fácil denunciar, cumpre facelo: abonda con facer copia dos horarios xerais con cargo a usos administrativos, marcar con fosforito as irregularidades, privilexios e resto de mamonadas, e mandalas, firmadas ou anonimamente, ao Delegado Provincial, Consellería de Educación, Centrais Sindicais, -ou por Fax dende o propio centro. Que pague o Estado! Coidadiño que pode haber horarios paralelos!- Incluso, podedes mandalos a esta bitácora se tedes medo á represalias, garanto o anonimato…

Neste blog, na lista de ligazóns, tedes o regulamento orgánico vixente dos centros educativos públicos e un formulario de suxestións e queixas…

 O normal sería que os inspectores investigaran a fondo, que para eso están, pero, cando visitan os centros, péchanse nos despachos cos membros das xuntas directivas e punto, ou limítanse a pedi-las programacións, que non valen para nada, cando non lle preguntan aos xefes de departamento, que tal se portan os profesores integrantes do mesmo, como se fosen espias…

Da Mesa Sectorial mellor non falar

Ollo! Se es ti, o denunciante, quen vai pola Inspección ou pola mesa, axiña se poñen en contacto cos directores/as nomeados a dedo e xa se sabe, pasarás de víctima a verdugo, agás esteas afiliado a algún Sindicato. Pero a tes clara como os infractores do teu centro educativo estean tamén afiliados aos sindicatos maioritarios, vanlle dar a razón a eles, porque son xente moi prestixiada, grazas as cabras tolas da lexión, que os apoian en todo… 

Menos mal que termos INTERNET, porque a Prensa tampouco se fai eco do mal roio que hai no Ensino Público mal chamado non universitario…

Ánimo coleguiñas, dignifiquemos o ensino público! Acabemos coa corrupción! Non máis cargos a dedo! FINA Roca.

?

Vodas de ouro sacerdotais de don Amado Aguiar, Viveiro

A Igrexa de San Francisco de Viveiro, escenario perfecto para todo tipo de recitais líricos, vestiuse de gala (28-X-06) para concelebrar as vodas de ouro sacerdotais de Amado Aguiar e Aguiar, don Amado para todos/as… O altar maior estaba adornado con sete espectaculares ramos de lirios brancos e vermellos, cuxas follas afiadas e carnosas miraban cara ó ceo da bóveda de abanico, envolvendo ó Cristo crucificado e creando unha atmósfera de gran riqueza cromática, que se afundía coa vestimenta alba dos cregos e coa luz natural das cinco fiestras oxivais da ábsida gótica pentagonal, as ventás máis esveltas e grandiosas da arte conventual galega…

Don Amado, cal patrucio romano, sentado en cadeira de madeira tallada, á esquerda do altar, visiblemente emocionado, non paraba de leva-lo pano de peto ó nariz, para disimula-las bágoas das fazulas…

O Kirie Eleisón interpretado polo magnífico Coro parroquial e o Señor é o meu Pastor, interpretado maxistralmente, á capela, en galego, por Saleta, fixo estremecer a tódolos presentes, ateos, mouros e cristiáns. A Igrexa estaba abarrotada de xente do común de tódalas crenzas e idioloxías. O cura parroquial, o vicario xeral e Juan, o fillo de Lucita Gabeiras, fixeron as honras e lores, lendo comunicados de adhesión, como o de monseñor Manuel Sánchez Monje, amén de agasallar a don Amado cun cruceiro de prata en nome da parroquia. Mari Carmen Chipe leu a Carta dos Corintios…

Máis, sen lugar a dúbidas, o momento máis emocionante do acto eucarístico foi a Ofrenda Litúrxica realizada por sor Herminia, sor Irene e don Ángel Rodríguez, o ex director da escola de Mestría Industrial de Viveiro, subliñando deste xeito dúas facetas do homenaxeado: profesor e capelán do asilo…

 Non é doado narrar a entrada en escena das dúas monxiñas do asilo, pequeniñas elas, cubertas da cabeza ós pes cun hábito negro, feo, cal burka islámico, que só deixaba ó descuberto a cara, portando nas mans as ofrendas litúrxicas, avanzando lentamente ó altar maior, no medio dun silencio sepulcral, esbozando un tímido sorriso, como pedindo perdón por estar alí. Don Amado, o da misa de once, rompendo o protocolo coma sempre, saíu ó encontro daquelas mulleres, afundíndose nun confesional abrazo, mentres don Ánxel asistía ó evento súper emocionado, cunha vela na man…

Trala Misa de acción de grazas, máis de 200 persoas acudiron ó banquete ‘nupcial’ no que non faltou de nada, agás os puros. Os comunicados de solidaridade e resto de agasallos continuaron tralos postres. Don Amado foi quen de saudar mesa por mesa e retratarse con todos os comensais, que lle entregaron unha fermosa placa de prata, obra de recoñecidos xoieiros viveirenses…

O homenaxeado, como el mesmo recoñecía, sempre fixo gala de mal xenio, pero dou fe de que nunca presumiu de modelo de virtudes! Varias xeracións de profes, que compartimos aula con el, estabamos alí. Para rematar o 50 aniversario, un coro celestial, capitaneado por Pepe do Galicia, cantoulle aquilo de ‘Amado mío…’ Fina Roca.

Publicado no Heraldo de Viveiro o 3 de novembro de 2006.

Por Santos e Defuntos, magostos e maiolas…

Cando eu era nena tal día coma hoxe adoitaba acompaña-la familia ao cemiterio para rendirlle contas ós mortos cun colar de zonchos colgado do pescozo: cada zoncho que comía libraba unha ánima do purgatorio.

A festa de Santos e Defuntos empezaba a mediados do mes de outubro, cando os cativos e cativas íamos ao monte apañar castañas e noces…

As castañas, en Galicia, teñen matiz funerario xa que aparecen por defuntos, anque este ano, quizais, debido ao cambio climático apareceron un mes antes, como as noces…

 Cada grupo de persoas tiña a súa parcela no monte… Se Xuntaban os froitos baixo unha castiñeira perante dous ou tres días para poder quitarlle os ourizos sen lastimarse coas puxas. As noces, como manchan tanto, se cubrían coas propias follas das noceiras ata que saían soas da casca exterior. Se disfrutaba moito, en familia, cos preparativos previos á noite de defuntos e había reparto de traballo…

As nais cocían as castañas coa monda-os zonchos- e, cando enfriaban, as avoas, cunha agulla da la e fío de bramante facían colares de castañas de unha ou varias voltas para todos os nenos e nenas. Tamén as pelaban e secaban ao lume para conservalas todo o ano: as pilongas ou maiolas.

Os magostos, castañas asadas, era cousa dos homes! Quitabánlle un cacho cativo por un lateral, para que non saltaran, e metíanas nunha lata grande de marmelo con buratos no fondo; se o tempo o permitía se asaban na leira e se chovía, na lareira; tamén se facían nas tixolas grandes de ferro e nunca faltaba o caldo de  maiolas por estas datas.

Caldo de maiolas: Hai que poñer a remollo as fabas e a carne de cocho salgada – rabo, orella, touciño, costelas, un oso de xamón-. A noite de defuntos se coce todo en abundante auga cun cacho de unto. Cando a carne está cocida, se retira e colamos o caldo, botamos as maiolas, como se fosen patacas e, cando case van cocidas, engadimo-los navos ou grelos, troceados coas mans -nunca co coitelo-, tan pronto levante o fervor escaldamo-la verdura, cinco minutos escasos,  apagamo-lo lume sen tapa-la pota, para que os nabos manteñan a cor verde e desixamolo repousar. As fabas hai que cocelas coa carne metidas nunha bolsiña de tea para que non se desfagan.

Por que se facía o caldo de maiolas en Galicia a noite de defuntos?  Porque na devandita  noite (31 de outrubro) os mortos saían das tumbas con moita fame e ían polas casas dos familiares vivos a come-lo caldo, ou o que lles botaran… Tamén, para que non fixeran falcatruadas, habíai que poñer diante dos retratos dos defuntos un vaso con auga e aceite cunha volvoretiña de papel encendida…

O das cabazas ven dos celtas! A miña avoa contaba que os mortos eran moi listos e, como había defuntos que non tiñan parentes vivos, nin lugar a onde ir, procuraban colarse nas casas alleas pos Santos e Defuntos, para vivir a corpo de rei. Para evitar que roubaran os animais das cuadras, ou que se apoderaran dos nenos e desvalidos, había que poñer nas fiestras varias cabazas valeiras, colocando entre as cuncas dos ollos e nariz unha vela encendida, como se fose unha caveira, e creran ca casa xa estaba tomada polos mortos, temén se puñan nas portas ramos venditos de olivo… Outrora ninguén se atrevía saír en noite de defuntos, po medo á Santa Compaña ou procesión dos mortos. Bécquer recolle esta tradición na lenda de El Monte de las Ánimas, anque a acción transcorre en Soria… Agora hai botellóns nos cemiterios!

En Galicia hai tradición de abondo por Santos e Defuntos, como para que nos Centros Comercias e colexios haxa que importar o HALLOWEEN AMERICANO no que os nenos se disfrazan como no Antroido, indo polas casas pedindo doces, preguntando o de truco ou trato? Asemade, antes de mirar cara os EE.UU,  sempre nos queda o Don Juan Tenorio de Zorrilla… Fina Roca