O Papa Pepiño Ratzinger

O Papa clausurou en Valencia o V Encontro mundial das Familias católicas apostólicas e romanas cunha multitudinaria misa a que asistiron un millón de persoas, máis o menos as mesmas que desfilaron o día do orgullo gay en Madrid e menos das que desfilaron baixo a bandeira de Nunca Máis en contra dos vertidos do Prestige e da guerra de ocupación de Iraq. Nin que dicir ten que os mundais de fútbol acaparan máis público… 

Mentres Benedicto XVI evanxelizaba ó seu rebaño con promesas inverificables de salvación eterna misando dende un altar climatizado de 2.700 metros cuadrados, en Ortigueira, se clausaraba a vigésima segunda edición do Festival Celta cun gran  respaldo histórico: máis de 100.000 visitantes diarios sen tantas subvencións e propagandas papais. Vamos! Que os amantes da música folk non ían caber en Ortigueira se o Estado apoiara o festival como apoiou ó Papa e o PP puxera autobuses de valde dende toda Europa para ver a   Berrogüetto e ós bretóns de Gwendal…

O xefe do Estado máis clasista e pequerrechiño do mundo estivo arroupado polos reis das Hispanias e resto de autoridades. Por faltar non faltou nin Paquito  Vazquez  de la Coruña. A quen non vin, rezando de xeonllos o rosario da Aurora en primeira liña cos brazos extendidos en actitude orante, foi a Federico Jiménez de los Santos

Nada direi do pasado hitleriano dun Papa que vai de modelo de virtudes, cando ten unha vocación ultraderechista que mete medo. Pero si direi que, Pepiño Ratzinger, para dar exemplo, debería trasladarse dende Roma a Valencia na lancha de pedra de San Andrés de Teixido, ou nun kayuko… 

 Un inimigo a ultranza do laicismo, das liberdades democráticas (En Cidade Vaticano só poden votar os varóns con rango) da diversidade sexual, da Teoría da Liberación e da liberación feminina, non pode ser recibido con honras de Estado en ningún país democrático. Non ten sentido tanto boato e luxo para avaliar a un Papa que condena o amor entre persoas do mesmo sexo e que fomenta a submisión entre os pobres e as mulleres

Non fai falla ser un lince para dicir que a Igrexa está ó lado dos ricos e poderosos para manter o seu privilexiado reino de machos católicos que viven a corpo de rei en fastuosos pazos arzobispais

Cando unha monxa chegue a Papa xa falaremos do verbo de Cristo…

Carmen Formoso

Segundo a decisión do Tribunal Constitucional a novela celiana La cruz de San Andrés, premio planeta 1994, ten que pasa-lo filtro dos tribunais para demostrar se houbo ou non houbo plaxio da novela de Formoso. Unha, celiana ata que Marinita Castaño, esa gran modelo de ‘virtudes’, entrou na vida de don Camilo, da fe, como profe de Literatura, que a Cruz de San Andrés é unha copia descarada da novela de Carmen Formoso Carmen, Carmela, Carmiña, tanto a nivel argumental, como textual. Vamos! Que teño moi claro, que Cela recibiu a obra sachada e mondada. Por suposto que, nin ó escritor, nin a súa segunda dona, nin ós capitoste do Planeta se lles pasou pola maxín, que a novela de Carmen estaba inscrita no Rexistro Mercantil dende o 15 de abril de 1994…

Cela escribía a man e desta obra non hai manuscrito. Era habitual no Premio Nóbel anunciar a bombo e platillo cada liña que escribía, facendo propaganda de se mesmo e da súa obra dende o primeiro intre que se puña a escribir, cousa que non pasou coa Cruz de San Andrés, o que nos sorprendeu ós seus seguidores/as, que se ben sabíamos que era habitual no escritor chorizar frases dos grandes das Letras (A Quevedo me remito na Familia de Pascual Duarte e outras…) e deitarse dos negros literarios, non menos certo era que tiña un estilo moi peculiar, que o facía inmortal, e que non estaba presente na Cruz de San Andrés. Cando lin a novela por primeira vez, recordo, que comentei cos meus alumnos e, incluso, escribín na miña habitual columna de El Mundo, que a Cruz de San Andrés parecía escrita por Marina Castaño, habida conta que era a peor novela de don Camilo…

Se rabuñamos un pouco nos premios literarios, sabemos, que están dados de antemán! Os membros dos xurados están tan vendidos coma os membros dun Tribunal de Oposicións a funcionarios da Xunta de Galicia. De aí a importancia de rexistra-los títulos de todo canto escribimos, xa que non podemos rexistrar o que sabemos…

Ánimo Carmen! Estás a facer historia, non te deixes impresionar polo poderío dos que mandan nas Letras. Escribe esta dura experiencia, non entres en crise, tes máis seguidoras das que te imaxinas, o teu caso non é o único, pero poucos escritores noveles poden recurrir ós tribunais, e moito menos as mulleres, na escrita non existe a pariedad… 

A min chorizáronme ata a Teses Doutoral. As Carrachentas! Logo de gañar un premio etnográfico, que ían publicar, curiosamente, desapareceu do mapa e nunca o publicaron. Un día, tras acudir a unha táboa redonda sobre o tema, un dos conferenciantes, que vai de historiador e cronista, repetiu ó pe da letra o meu traballo de moitos anos: este homiño formaba parte da Xunta Directiva da Asociación Cultural que me dei o I premio… Nunha novela moi premiada hai frases enteiras dos persoeiros dunha novela miña, que presentei a un concurso literario, menos ambicioso có Planeta, cuxo presidente era o devandito escritor e, que, forma parte de tódolos xurados literarios por ter moito mando no ámbito cultural da xeografía nacional. O tempo pon a todos no seu sitio, pero, por se acaso, hai que novelar a estes persoeiros coa habitual retranca galega, neso andamos…

Por certo na fundación C. J. C. traballan os fillos/as dos negros literarios de don Camilo. Premio ós servicios prestados? Ou medo a que rachen co seu silencio..

Vai dende aquí as miñas felicitacións á escritora Carmen Formoso, porque defendendo o seu caso, nos defende a todas/os nós! Fina Roca.